Ata o 10 de xaneiro: Axudas para comprar cans de garda, pastores e peches móbiles como prevención dos danos de lobos e xabaríns

0

Axudas en concorrencia competitiva a fa­vor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, oso e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventi­vos dos danos que poidan ocasionar estas especies.

Actuacións subvencionables
a) Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo: para a adquisición e manutención de cans para a protección e defensa do gando, de pastores eléctricos e/ou de cerrumes de malla electrificada, cuxa adquisición se faga, en todos os casos, con posterioridade á publicación desta orde.
b) Liña para a prevención de danos ocasionados polo oso: para a adquisición de pastores eléctricos, cuxa adquisición se faga con posterioridade á publicación desta orde.
c) Liña para a prevención de danos ocasionados polo xabaril: para a adquisición de pastores eléctricos, cuxa adquisición se faga con posterioridade á publicación desta orde.

NON será obxecto de subvención:
a)O imposto sobre o valor engadido (IVE).
b)O transporte dos materiais, a man de obra para a instalación e mantemento dos pastores eléctricos, dos cerrumes de malla electrificada.

Persoas beneficiarias
1. Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo: as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.
2. Liña para a prevención de danos ocasionados polo oso: as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas asentadas en concellos zona oseira e área de influencia (anexo III).
3. Liña para prevención de danos ocasionados polo xabaril: As persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), así como as explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.

Prazo de solicitude: ata o 10/01/2025.

Cantidades:
O importe máximo das axudas para a adquisición dos cans protectores e defensores do gando, así como os gastos da súa identificación non excederá de 300 € por can e, no caso de gastos de mantemento, de 200 € por can.

Para a merca de pastores eléctricos, a contía máxima da axuda por explotación será de 600 €. O importe máximo será de 150 € por pastor eléctrico alimentado por batería ou conectado á rede eléctrica, e de 300 € por pastor eléctrico cuxa batería se alimente con panel fotovoltaico. O número de pastores eléctricos que poderá subvencionarse variará en relación ao número de reses, o número de asentamentos apícolas ou en función da superficie admisible declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2024.

A contía máxima para a compra de peches móbiles de malla electrificada será de 100 € por malla de 50 m, ata un máximo de 8 mallas por explotación. As mallas terán que ser, como mínimo, de 90 centímetros de alto por 50 de longo.

Ligazón á normativa

Share.