Programa de axudas a fondo perdido e en concorrencia competitiva que busca fomentar o emprendemento feminino en Galicia e a creación de emprego, por conta propia e por conta allea, para mulleres.
Persoas beneficiarias: As empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans de reactivación e/ou mellora no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras. Establécense as seguintes liñas de axuda:
a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.
b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, consolidación e mellora de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico.
c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica.
d) Axuda complementaria Concilia: co obxecto de promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, en dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia persoas traballadoras por conta allea.
Prazo de solicitude: ata o 27/09/2024.
A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados ou mantidos para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:
a) Liña Emprende: incentivos desde 10.000 € ata 22.000 €.
b) Liña Activa: incentivos desde 8.000 € ata 17.000 €.
c) Liña ITEF: incentivos desde 18.000 € ata 42.000 €.
d) Axuda complementaria concilia: Concilia-promotoras contará cun incentivo de 3.000 €, mentres que Concilia-persoas traballadoras por conta allea disporá de incentivos desde 1.000 € a 5.000 €.