Axudas ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas, para o ano 2024, con carácter plurianual (VI406E)

0

Axudas para financiar actuacións ou obras de mellora da eficiencia enerxética en vivendas. Van dirixidas a persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas. As persoas beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta daquelas.

Actuacións subvencionables: Aquelas que se realicen en vivendas, xa sexan unifamiliares ou pertencentes á edificios plurifamiliares, en que se consiga unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de, polo menos, o 7 %, ou unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, polo menos, un 30 %.

Tamén se considerarán subvencionables as actuacións de modificación ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica para adecuar as súas características aos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire.

As vivendas para as que se solicite financiamento deste programa teñen que constituír o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias no momento de solicitar a axuda.

As vivendas deberán contar cun certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual elaborado e asinado pola persoa competente, no momento da presentación da solicitude, e ter unha referencia catastral diferenciada, de xeito que non se poderá conceder máis dunha axuda por vivenda a unha mesma referencia catastral en cada convocatoria.

Non serán subvencionables as actuacións de investimento en xeradores térmicos que utilicen combustible de orixe fósil.

As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020 nin estar finalizadas no momento da publicación desta convocatoria no DOG.

Prazo de solicitude: ata o 13/09/2024

Cantidade: O importe da subvención será do 40 % do custe das actuacións, cun límite de 3.000 euros por vivenda.

No importe obxecto de subvención poderán incluírse os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa, e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Non se consideran custos subvencionables os correspondentes a licenzas, taxas, impostos ou tributos. Non obstante, o IVE poderá ser considerado subvencionable sempre e cando non poida ser susceptible de recuperación ou compensación, total ou parcial.

O custo mínimo da actuación terá que ser igual ou superior a 1.000 euros por vivenda.

Ligazón á convocatoria

 

Share.