Axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, para o ano 2024, con carácter plurianual (VI406F)

0

Axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, residencial e vivenda social, con especial atención á envolvente edificatoria nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, e nas vivendas unifamiliares, para a anualidade 2024, con carácter plurianual.

 Persoas beneficiarias

  1. a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila e de edificios existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, así como das súas vivendas, ben sexan persoas físicas, ben persoas xurídicas de natureza privada.
  2. b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias.
  3. c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios, así como as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actuacións que motiva a concesión da subvención.
  4. d) As sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, e por cooperativas en réxime de cesión de uso das súas vivendas.
  5. e) As empresas arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas que acrediten a dita condición, mediante contrato vixente, que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.

Condicionantes: As citadas actuacións deben cumprir os seguintes requisitos:

  •  Conseguir unha redución de, polo menos, un 30 % no indicador de consumo de enerxía primaria non renovable, referida á certificación enerxética e, ademais, unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración da vivenda unifamiliar ou do edificio de, polo menos, un 35 %, se están situados en zonas climáticas D e E, ou dun 25 %, se están situados en zona climática C.
  • Cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación, así como contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.
  • Dispoñer de proxecto das actuacións que se pretende realizar, no caso de que estas exixan proxecto. Para o caso de que as actuacións non exixan proxecto, será necesario xustificar nunha memoria subscrita por un técnico/a competente a adecuación da actuación ao Código técnico da edificación e demais normativa de aplicación. Non obstante, en ambos os casos deberá incluírse o libro do edificio existente para a rehabilitación ou, na súa falta, un estudo sobre o potencial de mellora do edificio en relación cos requisitos básicos definidos na Lei da ordenación da edificación e un plan de actuacións en que se identifique a actuación proposta.
  • Apoiar a circularidade mediante os deseños dos edificios e as técnicas de construción e, en particular, demostrarán, con referencia á ISO 20887 ou outras normas para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como están deseñados para seren máis eficientes no uso de recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e reciclaxe.
  • Retirar do edificio ou ámbito de actuación aqueles produtos de construción que conteñan amianto.
  • Contar cun certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual, asinado por un técnico competente e debidamente rexistrado no Rexistro Galego de Eficiencia Enerxética de Edificios (en diante, RGEEE).
  • Non serán subvencionables as actuacións de investimento en xeradores térmicos que utilicen combustible de orixe fósil.
  • As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020 nin estar finalizadas no momento da publicación desta convocatoria no DOG.

Actuacións subvencionables: Son actuacións subvencionables as de mellora ou rehabilitación que se realicen en vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva de uso vivenda. No suposto de edificios de tipoloxía residencial colectiva exixirase que, polo menos, o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores, se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda.

 Prazo de solicitude: ata o 12/08/2024.

Cantidades: A contía máxima da subvención que se concederá por edificio determinarase atendendo ao custo total das actuacións que se vaian desenvolver e non poderá superar os límites resultantes que se describen a continuación:

 

Aforro enerxético conseguido coa actuación Porcentaxe máxima da subvención do custo da actuación Vivenda Locais comerciais ou outros usos
Contía máxima da axuda por vivenda (euros) Contía máxima da axuda por m2 (euros)
30 % ≤ ΔCep,nren < 45 % 40 % 6.300 56
45 % ≤ ΔCep,nren < 60 % 65 % 11.600 104
ΔCep,nren ≥ 60 % 80 % 18.800 168

 

Naqueles casos en que se teñan que retirar elementos con amianto poderá incrementarse a contía máxima da axuda, na cantidade correspondente aos custos debidos á retirada, á manipulación, ao transporte e á xestión dos residuos de amianto mediante empresas autorizadas, ata un máximo de 1.000 euros por vivenda ou 12.000 euros por edificio obxecto de rehabilitación, o que resulte superior.

Axuda adicional por vulnerabilidade económica: Cando se identifiquen situacións de vulnerabilidade económica nalgunha das persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas, e de acordo cos criterios establecidos na Comisión bilateral de seguimento, poderá concederse unha axuda adicional, que poderá alcanzar ata o 100 % do custo da actuación imputable á dita persoa propietaria ou usufrutuaria.

Edificio de tipoloxía residencial colectiva, por vivenda

Ingresos en veces IPREM ponderados Axuda en función do aforro enerxético conseguido
30 % ≤ ΔCep,nren < 45% 45 % ≤ ΔCep,nren < 60% ΔCep,nren ≥ 60%
Menos ou igual a 2,1 Porcentaxe axuda 100% 100% 100%
Contía máxima de subvención 15.750,00 € 17.846,00 € 23.500,00 €
Entre 2,1 e 2,6 veces Porcentaxe axuda 60 % 75 % 90 %
Contía máxima de subvención 9.450,00 € 13.384,50 € 21.150,00 €

 

Vivenda unifamiliar

Ingresos en veces IPREM ponderados Axuda en función do aforro enerxético conseguido
30 % ≤ ΔCep,nren < 45% 45 % ≤ ΔCep,nren < 60% ΔCep,nren ≥ 60%
Menos ou igual a 2,1 Porcentaxe axuda 100% 100% 100%
Contía máxima de subvención 20.250,00 € 22.308,00 € 26.750,00 €
Entre 2,1 e 2,6 veces Porcentaxe axuda 60 % 75 % 90 %
Contía máxima de subvención 12.150,00 € 16.731,00 € 24.075,00 €

 

Os ingresos sinalados nos cadros anteriores ponderaranse de acordo coa composición da unidade familiar, en función do indicador público de renda de efectos múltiples IPREM-(14 pagas), multiplicado polo coeficiente multiplicativo corrector que corresponda ao número de membros da unidade familiar, segundo a seguinte táboa:

Número de membros Coeficiente corrector
Familias de 1 membro 1
Familias de 2 membros 0,9
Familias de 3 membros 0,8
Familias de 4 membros 0,75
Familias de 5 ou máis membros 0,70

Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese conforme o previsto na táboa anterior.

No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nacidos contarán como membros da unidade familiar para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto na táboa anterior, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

 Ligazón á convocatoria

Share.