O BOP publicou este martes catro convocatorias de axuda do programa PEL da Deputación da Coruña, dirixidas ao fomento do emprendemento, á contratación e mantemento de postos de traballo e á adquisición de equipamentos, ofrecendo así distintas vías de apoio ás persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas da provincia. O prazo de solicitude das catro subvencións abrirá o luns 17 de febreiro ás 9:00h e pechará o luns 17 de marzo ás 14:00h. O trámite deberá efectuarse a través da plataforma electrónica Subtel. Pode obterse máis información nesta ligazón á web sobre as liñas PEL Emprende e PEL PEMES. Ademais, quen precise ampliar datos ou axuda coa solicitude tamén pode contactar co Técnico de Desenvolvemento local, Roberto Lindín, no 981 490 027.
Unha das principais liñas de axuda é a subvención das cotas sociais de persoas autónomas (PEL-Autónomos/as/2025), que ten como obxectivo sufragar parte das cotas da seguridade social de autónomos/as nos meses nos que non reciban outras axudas. Para optar a esta subvención, os solicitantes deben cumprir varios requisitos, como ter o domicilio fiscal nun concello da provincia con menos de 10.000 habitantes e estar dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA).
Nuns días tamén se abre a convocatoria de subvencións para a contratación de persoal en PEMES, microempresas e autónomos/as (PEL-PEMES CRE/AMP 2025). Estas axudas, destinadas a apoiar a creación e ampliación do cadro de persoal, cobren os custos salariais e de seguridade social da contratación durante un máximo de 12 meses. As entidades beneficiarias poden recibir ata o 70% do orzamento de gastos, cun límite de 15.000 euros para contratacións a xornada completa. Neste caso están abertas a empresas situadas en municipios con menos de 20.000 habitantes.
Ademais, a Deputación ofrece subvencións para o mantemento da contratación en PEMES e autónomos/as (PEL-PEME/MANT 2025), dirixidas a aquelas entidades que se beneficiaron das axudas de creación e ampliación de persoal no ano 2024. Estas subvencións cobren os custos salariais e de seguridade social dos postos de traballo indefinidos, cunha contía máxima do 50% dos custes estimados.
Outra das axudas do PEL provincial que publicou onte o BOP é a subvención para o investimento en bens inventariables (PEL-EMPREDE INVEST 2025). Esta axuda ten como fin apoiar o investimento en maquinaria, mobiliario e equipos informáticos, entre outros, para consolidar e fortalecer o tecido empresarial dos municipios de menos de 10.000 habitantes. As persoas autónomas, PEMES e microempresas poden solicitar ata o 70% dun orzamento mínimo de 3.500 euros e un máximo de 25.000 euros, excluíndo o IVE recuperable.
O prazo de solicitude para todas as axudas estará aberto desde as 9:00h do luns 17 de febreiro ata as 14:00h do luns 17 de marzo. Estas subvencións concederanse mediante concorrencia competitiva, é dicir, valorando distintos aspectos obxectivos que deberán facerse constar en cada modelo de solicitude. As persoas interesadas poden consultar as convocatorias no BOP do 11 de febreiro -ou nas ligazóns ao pé deste contido-, ademais de ampliar información contactando co Técnico de Desenvolvemento Local no 981 490 027 en horario de mañá de luns a venres.
2025/895 Bases reguladoras do programa de subvencións de apoio ao emprendemento a través do financiamento das cotas sociais de persoas autónomas (PEL-Autónomos/as/2025) ( PDF | HTML – Versión web: galego/castellano )
2025/896 Bases reguladoras do programa de subvencións á contratación para a creación e ampliación do cadro de persoal de pequenas, medianas empresas, microempresas e persoas autónomas (PEL-PEMES CRE/AMP 2025) ( PDF | HTML – Versión web: galego/castellano )
2025/897 Bases reguladoras, en réxime de concorrencia, do programa de subvencións para o mantemento da contratación en pequenas, medianas empresas, microempresas e persoas autónomas no ano 2025 (PEL-PEMES/MANT 2025) ( PDF | HTML – Versión web: galego/castellano )
2025/898 Bases reguladoras do programa de subvencións á consolidación do tecido empresarial nos Concellos da provincia da Coruña a través do apoio ao investimento en bens inventariables (PEL-EMPREDE INVEST 2025) ( PDF | HTML – Versión web: galego/castellano )