Atención este sábado ao paso do 55º Rallye de Ferrol

0

O Rallye de Ferrol volverá correr este sábado polo tramo entre Igrexafeita e As Somozas pasando por Ferreira. Un percorrido de 15 quilómetros que se fará en dúas veces, unha a partir das 16:00h e outra sobre as 19:45. O tráfico estará cortado desde as 13:30h até aproximadamente as 21:30h, hora prevista de remate da segunda pasada. Desde a organización infórmase de que nese intervalo estará prohibido o acceso ao trazado, agás que se produza algunha urxencia médica que requira unha actuación ou unha evacuación inmediata. Se se dese esa circunstancia, e por cuestión de rapidez, aconséllase contactar coa dirección de carreira no 687 698 433 para mobilizar calquera das dúas ambulancias de asistencia, situadas na saída e na metade do tramo. 

O paso por San Sadurniño encádrase na primeira etapa dunha proba que  volve ser puntuable unicamente para o Campionato galego de rallys de asfalto e para varias copas.  Aquí haberá dúas seccións, unha a primeira hora da tarde e outra no serán, que en ambos casos comezarán na Penalonga, en Igrexafeita, desde onde os coches iniciarán un vertixinoso descenso pasando pola Fraga -Ferreira- e, unha vez no fondo do val, emprenderán a subida con rumbo a Cadavás.

Uns metros máis arriba enlazarán coa estrada provincial e virarán á dereita para afrontar un segmento de curvas amplas que desenboca na Santa da Leiriña, onde collerán á esquerda e encamiñaranse a Santiso e As Filgueiras seguindo un itinerario moi rápido e técnico en baixada.

Tras coller á dereita nas Filgueiras subirán de novo con rumbo ao XestalSan Cristovo e a Chabola, lugar predilecto para o público por estar alí  dúas das voltas máis espectaculares da cita: a que conecta de novo coa estrada provincial diante do bar Ferreira e, uns metros máis arriba, a que marca o desvío cara a Caínce e o Hedreiro e o descenso acusado até Amido,  lugar de Igrexafeita no que o rally abandonará territorio de San Sadurniño para entrar na súa segunda metade  xa en pistas das Somozas.

Segundo figura nos carteis colocados pola organización nos cruzamentos de todo o tramo, a circulación para o tráfico rodado cortarase en todo o percorrido ás 13:30h. e non volverá abrir até o remate da segunda volta do rally, a iso das 21:30h ou 21:45h, dependendo dos vehículos que continúen en carreira.

No caso de que haxa que atendeder algunha urxencia médica en calquera dos lugares afectados polo paso da proba, desde a organización recoméndase chamar ao 687 698 433 para mobilizar calquera das dúas ambulancias que haberá ao pé do tramo, dado que serán as máis rápidas en chegar.

Recomendacións
Desde o Concello recoméndase seguir os consellos de seguridade da organización, nomeadamente no referido a zonas prohibidas para o público, que están debidamente sinalizadas. Por outra banda, tamén se insiste en que o día do rally se extreme o coidado nas estradas e nos accesos aos puntos de maior interese, como pode ser a famosa curva de Ferreira.

Outra petición que se fai desde o Concello é que non se deixe lixo tirado e que se teña presente que a práctica totalidade de lugares reservados para o público son leiras e montes privados.

Share.