Ata o 7 de abril: subvencións para instalar sistemas de depuración autónomos

0

Convocadas as subvencións dirixidas a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o ano 2025, co obxectivo de contribuír a que as vivendas unifamiliares xestionen de forma axeitada as súas augas residuais domésticas a través dunha solución de saneamento autónomo.

Persoas beneficiarias: Persoas físicas que deban figurar como titulares dunha autorización de vertedura dun sistema de depuración autónomo dunha vivenda unifamiliar situado no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

 Actuacións subvencionables e requisitos

Os investimentos realizados desde a data de publicación desta convocatoria de subvencións destinados á instalación de sistemas de saneamento autónomo que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que os sistemas de saneamento autónomo que se van instalar se sitúen no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

b) Que as augas residuais procedan de vivendas unifamiliares.

c) Que os rendementos de depuración que se van acadar coas instalacións de depuración ou as porcentaxes mínimas de redución, cumpran os seguintes valores, ben referidos ao límite de parámetros ou ben referidos á porcentaxe mínima de redución, alternativos:

Parámetros Límite Porcentaxe mínima de redución
DBO5 200 mg/L 20 %
DQOtotal 300 mg/L 30 %
Sólidos en suspensión 150 mg/L 50 %
Aceites e graxas 25 mg/L
Deterxentes 3 mg/L

d) Que o volume de almacenamento total sexa igual ou maior a dous metros cúbicos e que teñan como mínimo dúas cámaras.

e) Que, cando resulte exixible para a obtención da autorización de vertedura, o sistema dispoña do preceptivo marcado CE conforme coa norma UNE-EN 12566, ou norma que no futuro a substitúa.

f) Que a vertedura se produza por infiltración no terreo mediante un sistema de evacuación soterrado.

g) Que non se instalen a menos de vinte metros dunha captación subterránea, consonte o disposto no artigo 23.3.a) da normativa do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, aprobado polo Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro.

Os solicitantes desta subvención deberán contar con autorización de vertedura ou co xustificante de ter solicitado a dita autorización con anterioridade á xustificación da subvención.

Non será subvencionable a instalación de sistemas de saneamento autónomo en lugares nos que sexa obrigatorio conectarse á rede de saneamento municipal.

A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo en que se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo.

 Gastos subvencionables

  • Aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.
  • A adquisición dun sistema de saneamento autónomo. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente (non recuperable ou compensable).
  • Non serán gastos subvencionables os gastos de adquisición de equipamento e materiais de segunda man; de actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o sistema de abastecemento autónomo; de xuros; de recargas; de sancións administrativas; de sancións penais; nin de procedementos xudiciais.

Prazo de solicitude: dende o 06/03/2025 ás 09:00h. ata o 07/04/2025 ás 14:00h.

Cantidade: O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, ata esgotar o crédito da convocatoria e co límite de catro mil euros (4.000 €) por vivenda unifamiliar.

 Ligazón á convocatoria

 

Share.