Ata o 31 de maio: solicitude de admisión na EIM A Rolada

0

O prazo de solicitude de praza para novas incorporacións na Escola Infantil Municipal “A Rolada” de cara ao curso 2020/2021 estará aberto até o domingo 31 de maio. Este segundo período de peticións está pensado para as familias que vaian ter un meniño ou unha meniña proximamente ou para aquelas que queiran inscribir as criaturas no centro por primeira vez. A información e a documentación para as solicitudes de ingreso pode tramitarse a través da Sede Electrónica municipal, onde tamén están dispoñibles os impresos para descargalos e cubrilos á man. No caso das solicitudes presenciais será obrigatorio chamar antes ao Concello -981 490 027 ext.1 – para que nos dean cita previa. O último día de atención e rexistro presencial da documentación é o venres 29 de maio. 

A EIM A Rolada ofrece de cara ao curso 2020/2021 un total de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos. Porén, trala tramitación das reservas efectuada na primeira quincena de marzo, neste momento quedarían as 8 vacantes na unidade de 0-1, outras 9 na aula de 1 a 2 anos e 6 prazas para a unidade de 2 a 3.

O centro presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá ou media xornada de tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.

As tarifas vixentes para os servizos que presta a EIM -xa actualizadas segundo o IPC e aplicables tanto a reservas como a novos ingresos- son as seguintes:

Concepto Cota vixente
Matrícula (anual)

21,26 €

Mensualidade a xornada completa (8h.)

207,26 €

Mensualidade a media xornada (4h.)

124,36 €

Xornada de 2 horas

74,40 €

Hora complementaria (prezo mensual)

21,26 €

Hora extraordinaria (prezo diario)

3,72 €

Comedor mensual para almorzo

26,57 €

Comedor mensual para xantar

82,90 €

Comedor mensual para merenda

26,57 €

Comedor en día solto

4,25 €

 

Este segundo período -dirixido a novas incorporacións- permanecerá aberto entre o 16 e o 31 de maio e deberá tramitarse preferentemente por vía telemática a través desta ligazón dispoñible na Sede Electrónica Municipal. Para a tramitación presencial -presentando a solicitude en papel- será necesario concertar cita previa coa área de Igualdade no 981 490 027 ext.1.

 

Ligazón ao procedemento na Sede Electrónica
Formulario de solicitude en pdf

Share.