Axudas convocadas coa finalidade de mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas en Galicia a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia que lles faciliten a inserción laboral. As empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de menores de 30 anos a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.
b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán levar a cabo con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada na liña 1.
Beneficiarias: as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea.
Persoas destinatarias finais:
a) Que teñan 16 anos e non fixesen os 30 anos no momento da contratación.
b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior ao da data de inicio do contrato), preferentemente persoas paradas de longa duración, e que se encontren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.
c) Que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización en que van ser contratadas.
Gastos subvencionables:
- As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional.
- As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos de formación en alternancia.
Os contratos terán unha duración mínima de doce (12) meses e deberán ser a xornada completa. Serán subvencionables nas modalidades de contrato para a obtención de práctica profesional e de contrato de formación en alternancia tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude destas axudas, sempre que se cumpran todos os requisitos recollidos nesta orde.
O período durante o cal se teñen que realizar os contratos formativos para seren subvencionables será desde o 16 de outubro de 2024 ata o 15 de outubro de 2025.
No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará aos vinte e cinco (25) días hábiles seguintes ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, o 15 de outubro de 2025.
No caso de que o prazo de vinte cinco (25) días hábiles para a realización dos contratos for máis alá do 15 de outubro de 2025, esa será en todo caso a data límite (15.10.2025)
O número máximo de contratos subvencionables establécese en tres (3).
Prazo de solicitude: dende o 27/05/2025 ás 00:00h. ata o 30/09/2025 ás 23:59h.
Concorrencia competitiva: non (a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa)
Cantidade: As contías máximas do incentivo á contratación por doce (12) meses a xornada completa que se concederán con carácter xeral serán as seguintes:
a) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
b) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
c) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.