Esta nova convocatoria encadrada no Leader diríxese a proxectos produtivos e non produtivos. Os primeiros están orientados a persoas emprendedoras e empresas que queiran crear ou ampliar unha actividade económica no medio rural, mentres que os segundos poden ser promovidos por concellos ou asociacións, na liña de mellorar a calidade de vida ou os servizos no territorio.
As axudas poderán cubrir ata o 50% do investimento subvencionable nos proxectos produtivos, e ata o 90% nos non produtivos promovidos por entidades públicas ou sen ánimo de lucro.
A Asociación Seitura 22 será a encargada de xestionar estas axudas na zona de Ferrol, Eume, Ortegal, Miño e Vilarmaior, de acordo co plan estratéxico que se definiu por medio da análise socioeconómica do territorio, apoiada ademais nun proceso de participación social. Segundo o plan, os criterios de valoración priorizarán aspectos como a xeración ou mantemento de emprego, a viabilidade económica, o compromiso ambiental, a innovación e a igualdade de oportunidades. Tamén se terá en conta o grao de cooperación entre entidades e o impacto social e territorial das iniciativas.
Cómpre non deixar pasar esta oportunidade, xa que Seitura 22 xestionará cerca de 460.000 euros este ano e unha cifra similar o ano que vén. Ademais tamén se debe bulir a preparar as solicitudes, habida conta de que o prazo para presentalas remata o 30 de maio.