Ata o 30 de abril: Axudas do Bono Emancípate para 2025

0

Axuda destinada ás persoas mozas traballadoras que aluguen ou adquiran en propiedade unha vivenda, para contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da dos/das seus/súas proxenitores/as, que non sexan os do prezo de adquisición ou da renda de alugamento, como son os derivados dunha mudanza, a adquisición de mobiliario e artigos de decoración en xeral, electrodomésticos, enxoval de cociña e baño, téxtil de fogar e gastos de xestoría ou notaría.

 A axuda farase efectiva a través dunha tarxeta virtual, a cal só poderá ser utilizada en establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías, que teñan establecemento aberto en Galicia.

Persoas beneficiarias e requisitos: Persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:

  1. Ter menos de 36 anos de idade no momento de solicitar a axuda.
  1. Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias deberán acharse en situación de estancia ou residencia regular en España.
  1. Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos na data da solicitude. Para estes efectos, entenderase que teñen unha fonte regular de ingresos quen estea traballando por conta propia ou allea, o persoal investigador en formación e as persoas perceptoras dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, sempre que poidan acreditar unha vida laboral de, polo menos, tres meses de antigüidade, nos seis meses inmediatamente anteriores ao momento da solicitude, ou unha duración prevista da fonte de ingresos de, polo menos, seis meses, contados desde o día da súa solicitude.
  1. Se a persoa solicitante ten unidade de convivencia ou non teranse en conta os ingresos anuais respecto do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) (Consultar detalladamente a orde que regula estas axudas).
  1. Ser persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda formalizado, con posterioridade ao 31 de maio de 2024 que teña unha duración mínima dun ano, ou ter subscrito como adquirente unha escritura pública de compravenda dunha vivenda, con posterioridade ao 31 de maio de 2024, que estea construída e que conte con licenza de primeira ocupación no momento da presentación da solicitude, e xa sexa nova ou usada, ou ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
  1. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda arrendada ou adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude.
  1. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das que compoñen a unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:

a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España distinta da que é obxecto da solicitude. Exceptuaranse deste requisito quen, sendo titular dunha vivenda, acredite a súa non dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou algunha outra persoa da súa unidade de convivencia.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora ou vendedora da vivenda.

c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora ou vendedora.

 Subvencionarase a adquisición dos seguintes equipamentos/servizos:

  • Mobles de salón/comedor: sofá, mesa de comedor, cadeira/s, lámpada de pé ou de teito, mesa auxiliar, moble de TV, estante.
  • Mobles de cuarto: cabeceiro, estrutura de cama, somier, colchón, almofada, aparador, armario, lámpada de pé ou de teito, mesa auxiliar.
  •  Mobles de cociña: mesa, cadeira/s, estante, lámpada de teito.
  • Mobles de baño: estante, moble de lavabo, cadeira, biombo ou cortina de ducha.
  • Electrodomésticos: forno convencional, forno microondas, lavadora, secadora, frigorífico, deshumidificador, radiador.
  • Artigos de decoración: cadros, porta retratos, testos, plantas, alfombras, espellos, floreiros.
  • Enxoval de cociña: potas, cazos, tixolas e similares, vaixela, cubertos e outros utensilios.
  • Enxoval de baño: xaboeira, porta cepillos e similares, espello de aumento.
  • Téxtil de fogar: sabas, edredóns, toallas, mantas.
  • Gastos de mudanza: os derivados do servizo de traslado de mobiliario e útiles desde unha vivenda anterior ata aquela alugada ou adquirida que dá dereito ao cobramento da axuda.
  • Gastos de xestoría e notaría: os honorarios que aplique a xestoría ou a notaría polas xestións derivadas dos contratos de arrendamento ou de compravenda que dan dereito ao cobramento desta axuda.

 No caso dos electrodomésticos, só se poderá adquirir unha unidade de cada tipo. No caso de enxoval de cociña e baño, poden adquirirse cada tipo de produto individualmente ou como un xogo. Os produtos e servizos subvencionados serán aqueles que se adquiran desde a data da activación da tarxeta polas persoas beneficiarias ata o 31 de decembro de 2025.

Condicionantes: Ao ser unha subvención de carácter non competitivo se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data e a hora de presentación.

Prazo de solicitude: dende o 06/02/2025 ás 00:00h. ata o 30/04/2025 ás 23:59h.

Cantidade: A contía total da axuda é de 1.500 € para as persoas mozas que soliciten a axuda na súa condición de arrendatarias dunha vivenda diferente da dos/das seus/súas proxenitores/as. A contía total da axuda é de 3.000 € para as que teñan adquirido unha vivenda en propiedade, con posterioridade ao 31 de maio de 2024 e, en todo caso, antes da data de remate do prazo de solicitudes.

Ligazón á convocatoria

 

Share.