O Concello de San Sadurniño ten publicado na plataforma de contratación o procedemento de alleamento do tractor máis vello do parque municipal, un Fiat Agri 110-90 DT matriculado en 1994 que en breve será substituído por un novo, cuxa adquisición xa foi adxudicada en 70.500 euros.
A venda do antigo tractor farase mediante poxa á alza sobre un prezo base de 8.000 euros. As empresas e persoas interesadas en facerse co vehículo deberán presentar as súas propostas por vía electrónica segundo se estipula no prego de prescricións administrativas. O prazo finaliza o próximo 2 de novembro ás 23:59h. (Información actualizada no Perfil de contratante o 18/10/2021)
Importante: No lote inclúese a pá hidráulica dianteira, pero non a rozadora traseira, posto que está previsto instalala no tractor mercado recentemente.
O Fiat Agri presenta un estado de desgaste xeral motivado polo uso intensivo dos últimos 26 anos. Porén o vehículo está en orde de circulación e coa itv en vigor.