Liña destinada a proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero. As axudas teñen as seguintes modalidades:
a) Axuda dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero que acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.
b) Axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e/ou as e os menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de incumprimento, por insolvencia, por parte do obrigado a satisfacelas.
Persoas beneficiarias: mulleres vítimas de violencia de xénero que acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego, nas que concorran as seguintes circunstancias:
a) Ser muller vítima de violencia de xénero segundo o disposto no artigo 1 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro.
b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
c) Non convivir co agresor.
d) Ter especiais dificultades para obter un emprego, que se acreditará a través do Informe do Servizo Público de Emprego.
e) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
En relación coas axudas de indemnización poderán ser beneficiarias as mulleres vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e asistencialmente dunha muller que sufra violencia de xénero, nas cales concorran as seguintes circunstancias:
a) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia.
b) Non convivir co agresor.
c) Ter dereito á percepción dunha indemnización, por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento.
e) Que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida.
Prazo de solicitude: ata o 28/11/2025.
Cantidade
As mulleres vítimas de violencia de xénero que acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego poderán comprender:
a) Con carácter xeral, o importe desta axuda será equivalente ao de seis meses do subsidio por desemprego vixente.
b) O importe desta axuda será equivalente a doce meses do subsidio por desemprego nos seguintes casos:
1º. Cando a vítima tivese a cargo un familiar ou menor acollido/a.
2º. Cando a vítima, sen responsabilidades familiares, teña unha discapacidade igual ou superior ao 33 %.
c) O importe desta axuda será equivalente a dezaoito meses do subsidio por desemprego nos seguintes casos:
1º. Cando a vítima tivese ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a.
2º. Cando a vítima teña ao seu cargo un familiar ou menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ela ou a persoa dependente.
d) O importe desta axuda será equivalente a vinte e catro meses do subsidio por desemprego nos seguintes casos:
1º. Cando a vítima teña ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ela ou algunha das persoas dependentes.
2º. Cando a vítima de violencia de xénero con responsabilidades familiares ou o familiar ou menor acollido/a con quen conviva teña recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 65%.
3º. Cando a vítima de violencia de xénero e o familiar ou menor acollido/a con quen conviva teña recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.
As axudas de indemnización comprenderán, sen prexuízo do disposto no seguinte parágrafo, a contía fixada pola resolución xudicial correspondente que quede pendente de pagamento tras a declaración de insolvencia do obrigado a esta, excluídos os xuros de mora.
A contía máxima da indemnización establécese en 6.000,00 € por cada persoa beneficiaria, excluídos os xuros de mora.