Ata o 28 de febreiro: axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) para o ano 2025

0

Axudas e incentivos a pemes, a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo e para implantar a igualdade laboral (TR357C), adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral (TR357D), así como implantar sistemas de xestión de responsabilidade social empresarial (RSE), (TR357B).

Liñas das axudas

  • Liña I. Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C).
  • Liña II. Conciliación (TR357D) que, pola súa vez, comprende tres subliñas:

Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.

Subliña II.2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.

Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.

  • Liña III. Certificacións de RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial.

 Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III: As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia. Para as liñas II e III tamén poderán presentar solicitude as empresas con centros de traballo en Galicia.

No caso da liña I, as empresas deberán contar, como mínimo, con dez persoas traballadoras e cun máximo de 49.

Para a liña II, se a solicitude é para as subliñas 1 e 3, as empresas deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora, e se a solicitude é para a subliña 2, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras.

Para a liña III, as empresas deberán contar cun mínimo de 5 persoas traballadoras.

Para todas as liñas será necesario que as entidades solicitantes teñan unha taxa de estabilidade cando menos do 50 % desde o 1 de xaneiro de 2025 e durante todo o período de execución das axudas.

 LIÑA I. Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C)

 Conceptos subvencionables

a) Os custos da elaboración dunha diagnose da empresa desde a perspectiva de xénero.

b) Os custos derivados da elaboración dun plan de igualdade que recolla as accións ou medidas que corrixan as deficiencias detectadas na diagnose previa.

c) Os custos derivados da implantación das medidas previstas no plan de igualdade que xa teña aprobado a entidade para o seu primeiro ano de vixencia.

d) A contratación, no grupo de cotización 1 ou 2, a xornada completa e como mínimo dun ano dunha persoa con titulación de grao e con experiencia e/ou coñecementos acreditados en materia de igualdade.

Contías das axudas

a) Ata o 80 % dos custos que comporte o proceso de diagnose previa da empresa cun máximo de 3.000 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata de 5.000 € nos demais supostos.

b) Ata o 80 % dos custos derivados da elaboración dun plan de igualdade, cun máximo de 1.500 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata de 3.000 € nos demais supostos.

c) Ata o 80 % dos custos derivados da implantación das medidas prioritarias previstas na primeira fase do plan de igualdade cun custo máximo de 1.000 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata 2.000 € nos demais supostos.

d) Unha contía de 12.000 € pola contratación, como mínimo, dun ano dunha persoa experta en igualdade.

 LIÑA II. Conciliación (TR357D)

Subliña 1. Incentivos económicos para o fomento do teletraballo: Poderán ser beneficiarias as empresas que cumprindo os requisitos non pertenzan aos sectores da economía da tecnoloxía da información e a comunicación (TIC) e que:

a) Formalicen, polo menos, un acordo de teletraballo, por un período de tempo non inferior a dous anos, cunha persoa xa vinculada á empresa por contrato laboral e xornada completa, cunha antigüidade de polo menos un ano, e/ou

b) Contraten ex novo a persoal na modalidade de teletraballo a xornada completa, e asinen coa persoa traballadora un acordo que regule esta situación por un período de tempo non inferior a dous anos.

Contía dos incentivos: As axudas consistirán nun incentivo de 2.000 euros por persoa traballadora cun acordo de teletraballo, ben por adaptación do contrato que teña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 8.000 euros por empresa. O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual ca masculina.

Subliña 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria: Poderán ser beneficiarias as empresas que, alén de cumprir determinados requisitos, establezan nun convenio colectivo de empresa, ou mediante un acordo entre a empresa e quen exerza a representación legal das persoas traballadoras ou, na súa falta, coa totalidade do cadro de persoal, medidas de flexibilidade horaria.

Contía dos incentivos: As axudas consistirán nun incentivo de 8.000 euros por empresa solicitante. O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

 Subliña 3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo: Non serán beneficiarias destas subvención aquelas empresas que pertenzan a sectores TIC da economía.

Actividades subvencionables: Será subvencionable a adquisición de elementos tecnolóxicos seguintes: computador persoal, medios materiais para o acceso a internet e aqueles periféricos necesarios para as tarefas que se van desenvolver: webcam, impresora, escáner e demais compoñentes de hardware imprescindibles para a implantación efectiva do teletraballo, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.

Non será subvencionable o software nin outro tipo de gasto distinto do sinalado. Así mesmo, non serán subvencionables os tributos e impostos indirectos susceptibles de repercusión (IVE) de recuperación ou compensación.

Contía das axudas: As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80 % do investimento, co tope de 1.500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 20.000 euros por empresa. A axuda verase incrementada nun 10 % para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

 Liña III. Certificacións de RSE (TR357B)

Contía da axuda: Será o pagamento do 80 % da totalidade dos custos da certificación obtida cun máximo de 2.000 € por empresa. A porcentaxe subvencionable dos custos de consultoría non poderá exceder o 30 % a subvención.

Prazo de solicitude (para as tres liñas): ata o 28/02/2025.

Ligazón á convocatoria

Share.