Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2025, con carácter plurianual, dirixido ás seguintes persoas propietarias ou usufrutuarias:
a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila.
b) As persoas propietarias ou usufrutuarias de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.
c) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas incluídas nun edificio de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.
d) As comunidades de persoas propietarias ou as súas agrupacións.
e) As sociedades cooperativas de vivendas integradas por socios cooperativistas.
f) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal.
g) As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas.
h) As persoas arrendatarias de vivendas, no suposto de que as obras ou actuacións non sexan de obrigada execución pola persoa propietaria e ambas as partes acorden que a arrendataria custee pola súa conta as actuacións de mellora da accesibilidade, con cargo a parte ou á totalidade da renda arrendaticia.
Condicionantes: As vivendas onde se pretende realizar a mellora deben cumprir unha serie de requisitos en función do tipo de vivenda á que se refira. Estes requisitos están expostos detalladamente no punto quinto da resolución que regula esta axuda.
Actuacións subvencionables:
a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas, incorporando mecanismos motorizados ou outros dispositivos de accesibilidade, así como calquera medida de accesibilidade que facilite a autonomía e a vida independente de persoas con mobilidade reducida, tanto en edificios como en vivendas unifamiliares, incluíndo os dispositivos adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente. Inclúese a integración mediante un único mecanismo de identificación (teléfono intelixente, cámaras, pantallas ou outros dispositivos tecnolóxicos equivalentes en canto á súa funcionalidade) dos sistemas de apertura e control de accesos e doutros sistemas que necesiten control persoal e a adaptación, cando existan, á altura non superior a 1,40 m dos dispositivos xa instalados.
b) A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, así como sistemas tecnolóxicos de guiado que permitan a localización, ou o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.
c) A instalación de elementos de información, de comunicación ou de aviso, tales como sinais luminosos e visuais, vibrotáctiles ou sonoros que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas. En particular, a instalación de elementos que melloren a accesibilidade e seguridade no uso dos ascensores, como a comunicación bidireccional en cabina.
d) A instalación de produtos de apoio á audición para a accesibilidade no contorno, como os bucles magnéticos.
e) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como videoporteiros que proporcionan información visual e auditiva e análogos.
f) A instalación de dispositivos de alarma no ascensor que garantan un sistema de comunicación visual, auditiva e bidireccional co exterior para os casos de emerxencia ou atrapamento, así como a instalación de bucle magnético nos devanditos dispositivos.
g) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.
h) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas (unifamiliares, agrupadas en fila ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva) ou nos propios edificios de tipoloxía residencial colectiva obxecto deste programa, así como nas súas vías de evacuación.
i) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no Documento básico do Código técnico da edificación DB-SUA, Seguridade de utilización e accesibilidade.
Prazo de solicitude: dende o 27/03/2025 ás 09:00h. ata o 28/04/2025 ás 14:00h. As axudas non son en concorrencia competitiva, senón que se terá en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes.
Cantidade: A contía máxima das axudas non poderá superar os seguintes límites:
a) 12.500 euros por vivenda, cando se solicite para actuacións correspondentes a viven das unifamiliares illadas ou agrupadas en fila.
b) 9.000 euros por vivenda e 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles, cando se solicite para actuacións correspondentes a edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva.
c) 6.000 euros por vivenda, cando se solicita para actuacións correspondentes a vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva.
As axudas nas letras a), b) e c) poderán incrementarse ata 15.000 euros por vivenda se reside unha persoa con discapacidade e ata 18.000 euros por vivenda se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
O límite unitario das axudas establecido nas letras a), b) e c) poderá ser incrementado en 3.000 euros máis por vivenda en edificios ou vivendas declaradas ben de interese cultural (en diante, BIC), catalogados ou que conten con algún nivel de protección no instrumento de ordenación urbanística correspondente.
d) O 60 % do custo da actuación.
Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 %, se na vivenda ou unha das persoas que resida no edificio sexa unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.
O custo das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, de ser o caso, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e tributos, sempre que todos eles estean debidamente xustificados