Subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e persoas autónomas do sector servizos. As solicitudes son en concorrencia non competitiva e tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro.
Condicións dos proxectos
- Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 1 de outubro de 2025.
- O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE. No caso de que a solicitude recolla exclusivamente o bono de asesoramento enerxético, o investimento mínimo da solicitude establécese en 200 euros por solicitude, sen incluír o IVE.
- Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo.
Persoas beneficiarias As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:
Sector servizos-sección CNAE 2009 | División |
Sección G: comercio por xunto e polo miúdo; reparación de vehículos de motor e motocicletas | 45 a 47 |
Sección H: transporte e almacenamento | 49 a 53 |
Sección I: hostalaría | 55 a 56 |
Sección J: información e comunicacións | 58 a 63 |
Sección K: actividades financeiras e de seguros | 64 a 66 |
Sección L: actividades inmobiliarias | 68 |
Sección M: actividades profesionais, científicas e técnicas | 69 a 75 |
Sección N: actividades administrativas e servizos auxiliares | 77 a 82 |
Sección P: educación | 85 |
Sección Q: actividades sanitarias e de servizos sociais | 86 a 88 |
Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento | 90 a 93 |
Sección S: outros servizos | 94 a 96 |
Proxectos subvencionables: os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:
a) Bono asesoramento enerxético, onde serán subvencionables:
- Diagnoses enerxéticas que inclúan inventario dos principais equipamentos consumidores do centro de traballo, análise de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía avaliando o custo e aforro económico derivado.
- Auditorías enerxéticas que, ademais do contido das diagnoses, deben completar a parte de análise de consumos con medicións (análise de combustión de caldeiras, medición consumo eléctrico dos principais equipamentos consumidores, análise termográfico das instalación, medicións lumínicas…) e na parte de proposta de mellora debe analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de telexestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético. O custo elixible máximo dos diagnósticos e auditorías enerxéticas dependerá do consumo enerxético anual da empresa conforme o establecido na seguinte táboa:
Consumo do centro de traballo (kWh/ano) | Custe elixible máximo diagnóstico (€) | Custe elixible máximo auditoría (€) |
≤5.000 | 500 | 1.000 |
>5.000≤25.000 | 1.000 | 2.000 |
>25.000≤100.000 | 2.000 | 4.000 |
>100.000 | 3.500 | 7.500 |
As empresas que realicen os traballos deben estar dadas de alta na «Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diagnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono enerxía peme» publicado na páxina web do Inega www.inega.gal.
b) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.
c) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
d) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).
e) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior.
f) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria.
g) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente
Investimentos subvencionables: Os custos de investimento necesarios para a consecución dunha ou varias das diferentes tipoloxías de mellora enerxética. Tamén entraría a realización dos diagnósticos/auditorías e do proxecto, a dirección de obra, a adquisición e instalación dos equipamentos, obra civil, soportes e proteccións tanto eléctricas como mecánicas, así como calquera outro elemento necesario para o correcto deseño e funcionamento da instalación reformada.
NON se consideran custos subvencionables:
- Os gastos de legalización.
- O imposto sobre o valor engadido (IVE).
- Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Non serán subvencionables as operacións de mantemento (simple reposición de lámpadas, reposición de elementos funxibles…).
- As instalacións de xeración eléctrica fotovoltaica.
En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.
Prazo de solicitude: dende o 17/01/2025 ás 09:00h. ata o 25/06/2025 ás 23:59h.
Cantidade: A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.