En dúas semanas estaremos celebrando a noite do San Xoán e, pouco despois -nalgúns sitios-, tamén as cacharelas do San Pedro. Malia que se trata dunha tradición milenaria, non está de máis lembrar que cando se anda con lume é preciso tomar medidas preventivas e actuar de forma responsable. Por este motivo, para ter un control das saltas que se van celebrar no territorio, e co propósito de ter informado ao Distrito forestal, fai falla presentar unha comunicación no Concello indicando o lugar onde se vai facer a fogueira e adquirindo certos compromisos de seguridade. O documento pode presentarse xa mesmo no rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica. O concello dá de prazo até o día 18, posto que ao día seguinte deberá enviarlle á Xunta todas as comunicacións.
Cabe agardar que na noite do 23, que este ano cae en véspera de festivo, haxa por todo o territorio ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Porén, para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:
- Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada, nin preto de lugrares con vextación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos
- Non se poden facer lumeiradas preto de locais ou depósitos que conteñan materiais inflamables, nin tampouco preto de infraestruturas e elementos -públicos ou privados- que poidan verse afectados
- Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
- Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
- É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
- Non se permite empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois, plásticos…)
- Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
- En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)
Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de comunicación publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir o impreso e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23 como na do domingo 28, xa que aínda queda xente que celebra tamén con lume o San Pedro.
O impreso de comunicación previa recolle, ademais, os compromisos que adquire a persoa ou entidade solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que as brasas estean totalmente apagadas e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter o lume sempre baixo control.
O último día para facer as comunicacións é o xoves 18 de xuño, incluído, posto que o Concello deberá xuntalas todas e enviarllas ao Distrito Forestal ao día seguinte. O documento pode cubrirse directamente no navegador web para imprimilo e presentalo no rexistro municipal, ou ben para asinalo co certificado dixital e presentalo pola Sede Electrónica municipal.
San Xoán con Nimbos na piscina
Aproveitando que este ano o día de San Xoán é festivo autonómico, o Concello vai organizar unha salta que terá lugar na área recreativa da piscina. Será o día 23 a partir das 20:00h e ademais de sardiñas ou churrasco -está por decidir- a festa contará coa actuación do grupo folc Nimbos. A Concellaría de Cultura recupera deste xeito un concerto que estaba previsto inicialmente para as Letras Galegas e que tivo que suspenderse por un problema de axenda da formación.
Nimbos intégrano Antía Franco Caaveiro, Álvaro García, Xalo Rubio, Mario Arranz e Diego Barro. Chegan a San Sadurniño grazas ao programa DinamizARTJ dos convenios da Transición Xusta.