Ata o 30 de setembro: subvencións para promover a primeira experiencia profesional da mocidade

0

Subvencións para mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia, coa finalidade última de proporcionar a estas persoas unha primeira experiencia no emprego.

Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de persoas menores de 30 anos a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional; así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.

b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se celebren con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán levar a cabo con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada.

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as seguintes actuacións:

a) As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional.

b) As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos de formación en alternancia.

Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.

Serán subvencionables sempre que se cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación: Que teñan feitos os 16 anos e non fixesen os 30 anos no momento da contratación.  Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e que se atopen inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.

O período durante o que se teñen que realizar os contratos formativos para ser subvencionables será dende o 16 de outubro de 2025 ata o 30 de outubro de 2026.

Prazo de solicitude: dende o 16/06/2026 ás 09:00h. ata o 30/09/2026 ás 20:00h.

As contías máximas do incentivo á contratación serán as seguintes:

a) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.

b) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.

c) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.

Ligazón á convocatoria

 

Share.