A Xunta publicou unha convocatoria de subencións relacionadas coa vivenda, neste caso destintadas á rehabilitación de inmobles que se vaian destinar a vivenda habitual -alugada ou cedida- de persoas que teñan contrato en centros de traballo situados en Galicia.
Persoas beneficiarias
a) As empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de vivendas, das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos, e que vaian ser destinadas á vivenda habitual de persoas traballadoras coas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo.
b) Persoas físicas ou xurídicas que dispoñan de vivendas, das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos e que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.
Actuacións subvencionables: Considérase actuación subvencionable a rehabilitación das vivendas situadas en concellos con menos de 20.000 habitantes. Máis en detalle serían:
- As obras de rehabilitación, terminación e/ou ampliación de vivendas, entendéndose incluídas as de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética das vivendas.
- Poderán incluírse as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan; os informes técnicos e certificados necesarios; os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.
- A actuación subvencionable incluirá, así mesmo, e se así o solicita a persoa beneficiaria, a contratación dun seguro de impago do alugamento ou cesión de uso sobre a vivenda obxecto da actuación.
Prazo de solicitude: ata o 15/07/2026.
Cantidade: As axudas poderá alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada.
As persoas interesadas poderán solicitar a contratación do seguro de impago do alugamento ou cesión de uso sobre a vivenda obxecto da actuación, non podendo superar en ningún caso o importe máximo anual de 600 euros, polo tempo de duración do contrato de alugamento ou cesión de uso da vivenda, ata un máximo de 5 anos.