Subvencións dirixidas ás empresas legalmente constituídas e persoas autónomas que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, así como ás empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía.
O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no Rexistro da solicitude.
Condicións dos proxectos
- Os traballos non se poderán iniciar con anterioridade á data de presentación da solicitude.
- O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 15.000 euros por actuación, e o IVE non está incluido.
- Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude recollerá un único proxecto técnico.
Serán subvencionables aqueles proxectos con ratios de aforro enerxético anual iguais ou superiores aos indicados na seguinte táboa para cada liña:
Denominación da liña | Proxectos subvencionables |
PAPEME-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes | Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,2 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible. |
PAGE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en grandes empresas | Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,3 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible. |
PAE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI, en, polo menos, un 30 % | Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,1 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible e que, ademais, reduzan polo menos un 30 % as emisións de GEI. |
PAP-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas | Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,2 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible. |
Investimentos subvencionables: Considéranse custos subvencionables a elaboración dos proxectos técnicos, dirección facultativa e obra civil relacionados coas actuacións, o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha, así como os sistemas de monitorización, contabilización e telexestión e as auditorías.
NON se consideran custos subvencionables:
- Os gastos de legalización.
- O imposto sobre o valor engadido (IVE).
- Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
NON serán subvencionables as seguintes actuacións:
- As instalacións que utilicen enerxías renovables, salvo as asociadas a melloras integrais de edificios, as que procedan da valorización de residuos non propiamente enerxéticos e as bombas de calor.
- Operacións de mantemento (simple reposición de lámpadas…).
- Vehículos de todas as clases utilizables para o transporte terrestre, marítimo ou aéreo de persoas, animais, materiais ou mercadorías, excepto os que se deban rexistrar na conta de maquinaria.
- Non será subvencionable a instalación de equipamentos de enerxía alimentados por combustibles fósiles, incluído o gas natural.
Prazo de solicitude: dende o 17/01/2025 ás 09:00h. ata o 15/09/2025 ás 23:59h.
Cantidades: A intensidade da axuda vai en función do regulamento de aplicación:
a) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) 2023/2831de minimis(empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura): A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.
b) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías), destinadas a medidas de eficiencia enerxética en edificios: A contía da subvención será do 20 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.
c) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías), destinadas a medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios: A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.