Ata o 15 de outubro: Axudas do programa Respiro familiar para persoas coidadoras de discapacitadas ou dependentes

0

Orde do 2 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2025. (DOG nº 95 do 20/05/2025) BS614B.

Modalidades e períodos subvencionables:
Respiro no fogar, para financiar a atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade.
Respiro en centro de día, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa en centros de día da Comunidade Autónoma de Galicia.
Respiro en residencia, para financiar estadias temporais en centros residenciais da CA de Galicia.

Serán subvencionables os gastos xerados no ano 2025 dos servizos constituídos polas actuacións que se desenvolvan no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 21 de novembro de 2025.

Requisitos: Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

  1. Que ben a persoa coidadora solicitante da subvención ou ben a persoa ou persoas que atenda sexan residentes na C.A. de Galicia.

  2. Que a persoa á que se atende presente calquera das seguintes situacións:

  • Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

  • Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente: grao II ou III.

  • Que a persoa a que se atende, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Ademais, as persoas coidadoras, para seren beneficiarias da subvención, teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de solicitude: ata o 15 de outubro de 2025. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses, contados desde o día seguinte á data en que a solicitude teña entrada no rexistro.
Prazo de xustificación: ata o 21 de novembro de 2025.

Lugar de presentación das solicitudes: O trámite farase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A solicitude tamén se poderá presentar presencialmente no Concello.  Se calquera persoa precisa axuda coa solicitude ou precisa máis información pode contactar co departamento de Servizos Sociais no 981 490 027.

Share.