Ata o 11 de marzo: Subvencións para melloras en establecementos turísticos e de restauración

0

Liña orientada á mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación de obras, procesos de dixitalización, merca de equipamento, etc., nos establecementos de aloxamento turístico e de restauración. Máis en detalle, poderán ser obxecto de subvención os seguintes investimentos:

  1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
  2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de calidade turística.
  3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
  4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación.
  5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
  6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sostibilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.
  7. Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento. O investimento en equipamentos e telefonía móbil non poderá ser superior ao 5 % do orzamento total do proxecto ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.
  8. Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

 O investimento neto admitido será de ata 100.000 euros. Enténdese por investimento neto o importe orzamentado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido.

Persoas beneficiarias: As persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda.

 Gastos subvencionables

  1. Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos nos que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.
  2. Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.

Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:

  • a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.
  • b) Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, así como enxoval de cociña e comedor, enxoval das habitacións e baños, e adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias.
  • c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría,…).
  • d) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.
  • e) Gastos de conectividade.
  • f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.

 Prazo de solicitude: ata o 11/03/2025.

Cantidade: Os proxectos poderán acadar unha subvención de ata o 60 % sobre o orzamento do investimento subvencionable. O importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 60.000 euros. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que acaden os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación:

Puntos % axuda
80-100 60 %
60-79 50 %
40-59 40 %

As solicitudes cunha puntuación inferior a 40 puntos non poderán obter subvención.

Ligazón á convocatoria

 

Share.