A Xunta convoca a primeira edición de 2025 do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas a través dos bonos Activa comercio, co obxectivo de estimular a demanda das persoas consumidoras e incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do comercio retallista, promovendo as compras de bens en comercios.
Persoas beneficiarias: As persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos cubriranse economicamente atendendo á orde das solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto.
Sistema de funcionamento dos bonos
- A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).
- Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a aplicación Bonos Activa Comercio.
- No momento da compravenda, os/as comerciantes terán que introducir na app o importe e o concepto da venda, e aparecerá automaticamente o importe que se vai cobrar (unha vez aplicado o desconto). O concepto da venda introducido na app debe corresponderse coa numeración do tícket ou factura de compra entregada á clientela.
Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.
Condicións de uso dos bonos: Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa. Cada bono terá un valor de ata 30 €. En función do importe das compras, poderán obterse os seguintes descontos:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
En caso de devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O/a comerciante non poderá aboarlle á persoa consumidora, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito. Non será aplicable o troco dos bonos para as compras en liña.
Data de descarga dos bonos: Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 4 de xuño de 2025, ás 9.00 horas, ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000 euros.