ASFEDRO ofrecerá o próximo mércores o último obradoiro de Escola de Familias

0

O departamento de Educación Familiar do Concello de San Sadurniño ofrecerá o mércores 29 de maio o último dos obradoiros programados dentro do ciclo Escola de Familias, que nos últimos meses foi punto de encontro para aprender sobre a crianza das nosas fillas e fillos. A sesión da semana que vén está orientada a familias con rapazada de idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, ás que se lles darán consellos prácticos sobre as normas e límites que se deben respectar na familia e tamén sobre como previr condutas aditivas, sexan relacionadas coas drogas, co xogo ou co abuso da tecnoloxía.

A charla estará conducida por persoal especializado de ASFEDRO, a asociación comarcal que leva anos traballando na abordaxe das drogodependencias a través da terapia e do apoio tanto ás persoas enfermas como ás súas familias. Ademais, ao longo da súa historia o colectivo foi ampliando o seu ámbito de actuación para ofrecer atención especializada nas novas modalidades de condutas aditivas.

Na sesión, que terá lugar na Casa da Cultura entre as 17:00 e as 18:00h, falarase dos factores desencadeantes dunha adicción, nomeadamente das relacionadas co consumo de substancias, aínda que tamén se mencionarán esoutras máis recentes -baseadas en boa medida na tecnoloxía- que ameazan o desenvolvemento da cativería e a mocidade.

Alén de contextualizar as situacións que adoitan favorecer as adiccións, a charla incidirá naquelas ferramentas que temos ao noso alcance, como nais e pais (ou persoas con menores ao noso cargo), para previlas. Entre elas estaría o mantemento dunha convivencia familiar con normas e límites claros que todas e todos respectemos e, nese marco xeral,  dar exemplo e procurar unha relación de confianza e comunicación fluída coa rapazada.

Para participar nesta actividade -a última desta temporada da Escola de Familias- fai falla inscrición previa no 673 903 922 ou no correo da Educadora Familiar do Concello,  veronica.perez@sansadurnino.gal. Cómpre ter en conta que polo seu contido vai dirixida especialmente a familias con cativas e cativos de entre 6 e 16 anos.

Logo-Conselleria_Color-1024x179

Share.