O Concello tivo en marcha durante os últimos meses o programa de envellecemento activo “Xuntanzas na Eira”, como espazo de encontro social contra a soidade non desexada. Este programa municipal botou a andar como continuación do exitoso “Aloumiños”, que tamén se desenvolveu en San Sadurniño en dúas edicións, promovido polo Colexio de Educadoras e Eduadores Sociais de Galicia con apoio da Consellaría de Sanidade. Agora, coma se dun ciclo se tratase, e tras pechar as actividades municipais, “Aloumiños” volve entre xuño e outubro con encontros todos os martes, en Lamas de 10:00 a 11:00h e en Santa Mariña de 11:30 a 12:30h. Quen queira apuntarse ou ampliar información hai que contactar cos Servizos Sociais municipais no 981 490 027 ext.1. Empezan o martes que vén, 30 de xuño.
“A soidade non desexada ten consecuencias que van moito máis alá do ámbito emocional. Pode afectar á saúde, á autonomía persoal e á participación social, polo que é fundamental ofrecer espazos de encontro e acompañamento ás persoas que o necesiten”, explica a concelleira de Benestar, Mari Carme Muíño Filgueira.
Esa é a razón de que San Sadurniño volva sumarse ao programa “Aloumiños”, concibido como un espazo social para falar, facer actividades de benestar emocional, dar paseos, xogar e, en definitiva -que non é pouco-, xuntarse con outras persoas para facer cousas que axuden a mellorar a saúde física e psicolóxica. O obxectivo é que quen participe atope “un lugar acolledor no que compartir experiencias, fortalecer relacións e sentirse parte activa da comunidade”, engade a concelleira.
Trala boa acollida que tivo o proxecto o ano pasado, o Concello volve participar en “Aloumiños” propoñendo xuntarse todos os martes entre o 30 de xuño e o 30 de outubro: de 10:00 a 11:00h no local social de Lamas e de 11:30 a 12:30h no local social de Santa Mariña do Monte.
As persoas interesadas en participar poden unirse a calquera dos grupos dispoñibles —non é necesario que pertenzan á parroquia onde se desenvolve a actividade— chamando en calquera momento ao departamento municipal de Servizos Sociais no 981 490 027 ext. 1.
“Queremos que Aloumiños sexa un punto de encontro aberto e accesible para todas aquelas persoas que buscan compañía, conversa ou simplemente compartir parte do seu tempo con outras persoas. Non hai prazos nin requisitos especiais para incorporarse; quen teña interese pode sumarse cando queira e terá unha boa acollida desde o primeiro día”, sinala Muíño Filgueira.
A concelleira engade que a experiencia das “Xuntanzas na Eira” impulsadas polo Concello durante os últimos meses, e tamén a anterior edición de “Alomiños, demostraron que pequenas accións como reunirse, pasear ou participar en actividades en grupo “poden marcar unha diferenza moi importante no día a día de moitas persoas. Por iso animamos á veciñanza a dar o paso e coñecer esta iniciativa”.