Nunha noite coma a de hoxe, con tanta calor e con tantas cacharelas como vai haber repartidas polo territorio -o Concello rexistrou 215 comunicacións previas-, cómpre apelar máis ca nunca ao sentido común co obxectivo de previr os incendios. E é que o importante neste día é a xuntanza, a tradición, deixarse levar pola maxia ancestral, en definitiva. E para iso non fai falla unha lumeirada de sete pisos, senón que chega un lume pequeno que dea para cumprir co rito purificador e que, ademais, nos sexa doado ter baixo control. Por iso, o Concello recomenda, polo menos este ano e ante a situación atmosférica, limitar ao mínimo e imprescindible o tamaño das cacharelas e extremar as precaucións que se apuntan a continuación. Cómpre lembrar, ademais que o Concello organizou unha noite do San Xoán na área recreativa da piscina que arrancará a iso das 20:00h cun concerto do grupo folc Nimbos e que continuará despois con sardiñas e iso, unha salta pequena.
Para que a festa do inicio do verán sexa unha celebración da tradición e non o foco dun disgusto, non está de máis recordar as precaucións que debemos tomar:
- Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada -recordade, este ano mellor pequenas-, nin preto de lugrares con vexetación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos
- Non se poden facer lumeiradas preto de locais ou depósitos que conteñan materiais inflamables, nin tampouco preto de infraestruturas e elementos -públicos ou privados- que poidan verse afectados
- Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
- Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
- É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes (este ano, o dobre)
- Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
- Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
- En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)
As herbas do San Xoán: tradición, maxia e saúde natural
Nesta noite do San Xoán, a tradición manda recoller sete herbas diferentes —como o felgo macho, a herba luísa, a malva, a fiúncho, a ruda, o hipérico ou a artemisa (herba de Nosa Señora)— que, segundo a sabedoría popular, teñen propiedades protectoras, curativas e mesmo adiviñadoras. Non hai maneira de establecer cales son as sete herbas que cómpre mesturar, xa que cada zona ten as súas e os seus costumes e incluso aquí en San Sadurniño, dependendo a quen se lle pregunte, atoparemos receitas máxicas variadas.
No que si coincide toda Galicia é na tradición de colleitalas no serán do día 23, antes do solpor, e logo botalas nun recipiente con auga limpa -preferiblemente de manancial- que se deixará toda a noite ao relento. O día do San Xoán pola mañá cedo, a auga usarase para lavar a cara, como xeito de afastar os malos espíritos, protexerse dos meigallos e asegurar saúde e sorte durante todo o ano.
Ademais do seu uso ritual, moitas destas herbas teñen propiedades medicinais recoñecidas. A herba luísa é boa para as dixestións, o fiúncho calma as toses e o hipérico é usado como antidepresivo natural. Aínda que a maxia e a fe popular fan parte importante do rito, non está de máis lembrar que moitas desas plantas foron base da medicina tradicional. Así, celebrar o San Xoán tamén é unha forma de reconectar coa terra, co saber ancestral e con nós mesmas.
San Xoán na piscina
Nesta noite do 23, véspera de festivo, o Concello decidiu organizar unha salta que comezará sobre as 20:00h coa música do grupo folc Nimbos, integrado pola vocalista, frautista e gaiteira Antía Caaveiro, polo guitarrista Álvaro García, o acordeonista Xalo Rubio, o contrabaixo Mario Arranz e o percusionista Diego Barro. Unha formación de recente creación e con intérpretes aínda na mocidade que ofrece pezas instrumentais e cantadas do repertorio tradicional, pero tamén de autoría propia. De feito, en “Até”, o seu primeiro disco, o grupo ponlle música a varios poemas da poeta pontesa Carmela Franco.
A Concellaría de Cultura recupera deste xeito un concerto que estaba previsto inicialmente para as Letras Galegas e que tivo que suspenderse por un problema de axenda da formación. Nimbos chega a San Sadurniño grazas ao programa DinamizARTJ dos convenios da Transición Xusta.
Ademais de música, durante o serán e a noite máxica tamén haberá sardiñas de balde antes do prendido do lume, previsto para algo antes da medianoite.