As escolas municipais de Cultura pechan curso este sábado

0

A xornada deste sábado en San Sadurniño preséntase moi musical. Teremos dous eventos na Casa da Cultura nos que catro escolas pecharán temporada mostrándonos todo o que aprenderon nos últimos meses. Tres delas -as escolas municipais de gaita, pandeireta e música vocal- actuarán pola tarde (17.30h.), mentres que a cuarta, a do alumnado de piano e violonchelo do profesor Ilia Keilin, ofrecerá o seu concerto ás 12.45h. Entre a mañá e a tarde pasarán polo escenario arredor de 60 persoas desde os 3 até os 80 anos.

Ilia Keilin ten en San Sadurniño 18 alumnos e alumnas aprendendo as especialidades de piano e violonchelo, ademais do solfexo como asignatura complementaria. As clases impártense nas tardes dos martes e os sábados pola mañá cun sistema baseado na atención individualizada para cada aprendiz.

Xa o ano pasado o peche de curso desta rapazada -que este ano vai dos 3 aos 13 anos- foi un dos máis concorridos do mes de xuño e seguramente este sábado a Casa da Cultura se encha ata os topes con nais, pais, avós, avoas e familiares, que asistirán á interpretación de varias pezas clásicas, tanto individualmente como en grupo.

Á tarde, a iso das 17.30h., tocaralles ás escolas municipais cun programa apretado en que actuarán primeiro os coros de Lamas e San Sadurniño, aos que xa vimos cantando xuntos na celebración das Letras Galegas, e despois os grupos de música tradicional. Estes últimos compoñen a parte máis numerosa e diversa da oferta municipal, xa que nela xúntanse nenos e nenas desde os cinco anos ata homes e mulleres que andan xa nos 80. As disciplinas que se imparten son as de canto/pandeireta e gaita e a elas asisten unha trintena de persoas. Empezarán as nenas -e un neno- máis pequenas, logo daranlle paso ao alumnado de gaita e pecharán a tarde o grupo das pandereteiras e pandereteiros adultos, que reservan alomenos dúas pezas para cantalas na compaña das gaitas.

 

 

Share.