As escolas culturais finalizan curso esta tarde cun encontro nos xardíns municipais

0

As Escolas Municipais Culturais pecharán a tempada hoxe a partir das 18:30h á sombra das árbores dos xardíns do pazo. Porén, antes de ver o que nos teñen preparado asistiremos ao monólogo “Contos de defuntos e outros asuntos” de Brais das Hortas, dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña. A continuación, arredor das 19:30h, chegará a vez das escolas de música e baile tradicional, que ofrecerán actuacións por separado e tamén algunhas pezas conxuntas. Ao remate haberá uns petiscos aos que, ademais, están convidados os grupos de ximnasia de mantemento, que tamén acaban de pechar curso. No caso de que chovese, tanto o espectáculo de Brais das Hortas como as actuacións das escolas trasladaríanse á Casa da Cultura. A cita daralle paso mañá ao San Paio en Ferreira e ao San Xoán de tarde que celebrarán en Igrexafeita, mentres que o domingo -20:00h- será a Asociación Cultural Brío quen lle diga adeus á temporada cunha exhibición tamén nos xardíns municipais. 

As escolas municipais de Cultura reuniron este ano un total de 41 alumnas e alumnos: 14 en gaita -3 mulleres e 11 homes-, 8 en pandeireta -7 mulleres e nenas e un neno- e 19 en baile tradicional, onde as compoñentes femininas volven ser maioría, con 16 mulleres por tan só tres homes.

Resulta curioso comprobar, a pesar do que ten avanzado a sociedade, a maneira en que se reproducen os roles de xénero na música tradicional, e non só nas temáticas das coplas, senón tamén na posición de poder masculina. E é que gaitas, tambores, bombos e posta de puntos no baile eran cousa exclusiva de homes, mentres que a parte vocal e a percusión de man estaban reservadas para a muller, que precisamente por ese desequilibrio machista, que aínda pervive, foi a principal mantedora e transmisora da poesía popular oral á que o ano pasado se lle dedicaron as Letras Galegas.

Feita como inciso esta reflexión, que nos debe facer pensar sobre que tradición estamos construíndo na actualidade para as xeracións do futuro, o que toca agora é contar como se vai desenvolver o serán deste último venres de xuño.

A cousa comezará sobre as 18:45h coa proposta “Contos de defuntos e outros asuntos”, na que o músico, monologuista e clown Brais das Hortas nos achega con moito humor ao mundo do Alén. Despois del actuarán as escolas tradicionais con cadanseu repertorio e tamén con varias pezas compartidas. O programa previsto durará arredor de 45 minutos e culminará cuns petiscos de despedida do curso aos que tamén están convidados os grupos de ximnasia de mantemento, que remataron hai uns días.

En relación co tempo de vacacións, desde as áreas de Cultura e Deportes tamén se lembra que o Ximnasio Municipal abrirá só de 9:00 a 14:00h durante o mes de xullo e do 1 ao 9 de setembro (agosto pechado), e que a Biblioteca atenderá de 10:00 a 14:00h os luns, martes, xoves e venres no período comprendido entre o 22 de xuño e o 6 de agosto e do 27 de agosto ata o 8 de setembro, permanecendo pechada do 7 ao 26 de agosto.

Festa do San Paio en Ferreira e San Xoán en Igrexafeita
Ferreira de Abaixo estreará este sábado o calendario patronal do verán en San Sadurniño coa tradicional celebración do San Paio (ou San Pelaio). A cita incluirá misa ás 13:30h, seguida de sesión vermú animada por Antha, xantar popular, actividades infantís pola tarde e unha gran verbena á noite na que o grupo musical estará acompañado polo Dúo Dilema.

A comida inclúe un menú completo con paella, codillos con patacas, sobremesa, bebidas e tamén opción infantil. Pola noite tamén se servirán petiscos. O prezo son 35€ as persoas adultas, 15€ de 9 a 14 anos e de balde ata 8 anos. Para saber se aínda lles queda algún oco hai que chamar aos teléfonos 696 880 044 ou 616 652 002.

Por outra banda, en Igrexafeita deixaron para este sábado a celebración do San Xoán, que comezará no local social da Torre ás 21:00h co contacontos Caxoto. Tralo espectáculo de narración oral servirase  unha cumprida cea a base de sardiñas, liscos, chourizos, pan, bebida e sobremesa por un prezo de 5€ para persoas socias e de 10€ para non socias. O prazo para anotarse rematou o día 23, pero pódese probar sorte chamando ao teléfonos 696 912 975 ou ao 650 484 580.

A asociación veciñal Adiante, organizadora deste San Xoán de tarde, tamén está armando a súa tradicional merendada do San Cristovo de Ferreira -sábado 11 de xullo-. Hai que apuntarse antes do 5.

O domingo ás 20:00h, despedida de curso da Asociación Cultural Brío
No repaso á axenda da fin de semana hai que falar á forza da Asociación Cultural Brío, que nos ten preparada para o serán do domingo -20:00- unha fantástica exhibición das súas escolas, nas que participan máis de 80 nenas e nenos.

A entidade é unha das máis activas e constantes de San Sadurniño, con grupos estables de arte,  inglés, baile e tamén patinaxe, que ofrecerá unha coreografía sobre a pista multixogos dos xardíns municipais, lugar elixido este ano para o peche da temporada.

Se chovese, toda a actividade trasladaríase á Casa da Cultura, onde tamén se pode visitar até o 18 de xullo unha mostra de pintura do grupo dirixido por Paula Aneiros.

Share.