As entidades, á espera do remate da Fase 3 para ver como retoman a actividade

0

O Goberno local de San Sadurniño reuniuse no serán deste mércores con sete colectivos do territorio para intercambiar impresións sobre como lles afectou a crise sanitaria e empezar a planificar o reinicio de actividades. Á xuntanza, celebrada no marco do Consello de Participación Veciñal, acudiron representantes de asociacións veciñais, de asociacións culturais, de clubes deportivos e de entidades relacionadas coa promoción do sector primario. Todas elas coincidiron na necesidade de agardar a saber cales serán as directrices preventivas unha vez que remate a Fase 3 da desescalada -se todo vai ben, arredor do 22 de xuño-, pero tamén na máis que necesaria obriga de se reinventar con propostas adaptadas a esa “nova normalidade” que iniciaremos en xullo. O Concello, pola súa banda, trasladoulle o seu compromiso de continuar colaborando cos programas que se poñan en marcha por medio de tres vías básicas: simplificando a tramitación de axudas para infraestruturas e eventos, asesorando en materia de prevención e ofrecendo actividades descentralizadas que as asociacións poidan programar sen custes.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, abriu a quenda de intervencións indicando que o consistorio está en disposición de aprobar proximamente o orzamento municipal de 2020 con cifras de ingresos e gastos similares ás do exercicio do ano pasado. O alcalde sinalou que a COVID-19 rachou as previsións que se manexaban de cara a levar as contas a pleno no primeiro trimestre do ano e, ademais, as “circunstancias excepcionais” provocadas pola pandemia esixirán reconfigurar distintas partidas para adaptar a acción municipal á nova realidade.

En calquera caso, García recordou que o orzamento de 2019 está prorrogado e que conta co mesmo importe total para a convocatoria dirixida a entidades, é dicir, 24.000 euros para asociacións veciñais, culturais e comisións de festas e 6.000 euros para clubes deportivos sen convenio nominativo. De feito,  entidades coma o CV Aldebarán, o CF San Sadurniño, a AGFA do Eume, a Casa do Mel reeditaron xa os seus respectivos convenios que, en conxunto, ascenden a 32.000 euros.

Porén, para o resto de entidades estaba previsto sacar a convocatoria anual de bases, que sempre pasa antes polo Consello de Participación Veciñal para recoller achegas ou modificacións que o tecido social queira introducir e que, este ano, se viu truncada pola chegada da pandemia.

O concelleiro de Participación, Manolo Varela, explicou que a crise da COVID-19 terá como principal efecto “que vai haber menos actividades e tamén menos entidades que as organicen”, razón pola que propuxo deixar a un lado as bases anuais e favorecer que as entidades teñan acceso a finanzamento municipal presentando unha pequena memoria descritiva do evento puntual ou da programación que queiran levar a cabo, de maneira que o persoal técnico de Cultura e Deportes poida facer a súa valoración.

Na quenda de intervencións das entidades a palabra máis repetida foi “incerteza”, posto que a día de hoxe non se sabe que medidas preventivas se deberán adoptar para a organización de actividades durante a chamada “nova normalidade” que virá despois do 22 de xuño.

A Asociación Cultural Brío, a Asociación de veciños de Santa Mariña, o Club Biela e Chaveta e a Asociación veciñal O Castelo de Narahío foron debullando como ven a situación, como lle afectou a crise á súa programación e cales son as súas previsións para retomar a actividade nun contexto en que teñen que asumir gastos fixos e no que ninguén sabe cales serán as condicións sanitarias de obrigado cumprimento dentro dunhas semanas.

Brío indicou que, no seu caso, tiveron que soportar gastos de seguros e monitoraxe e que, ademais, moitos pais e nais son reacios a que a rapazada retome a actividade. Por outra banda, a interrupción de catro meses tamén suporá, ao seu xuízo, unha maior dificultade para retomar o pulso normal da programación. Con todo, a asociación cultural -que traballa no ámbito do baile e doutras artes- mostrou o seu interese en poder levar a cabo actividades reformulándoas e adaptándoas ás condicións sanitarias.

Desde Santa Mariña do Monte púxose o acento sobre a realidade demográfica apuntando que entre a poboación de maior idade “hai moito medo” a asistir a actividades presenciais. A asociación pediu que o Concello ofrece asesoramento en materia preventiva de cara a que os colectivos saiban o que deben facer e cales serán as pautas de seguridade que haberá que cumprir.

Unha cuestión para a que, de momento, non hai resposta, tal e como quedou patente na xuntanza, senón que cumprirá agardar polo contido das directrices das autoridades sanitarias para a “nova normalidade”. O Concello comprometeuse a achegalas -como está facendo na actualidade- a través dos seus medios de comunicación (web, redes sociais e boletín Novas), e asegurar ademais que o técnico de Cultura dispoña da información completa para poder darlle indicacións ás asociacións que decidan promover eventos con participación presencial.

Á expectativa tamén están o Club Biela e Chaveta e máis a AVV O Castelo de Narahío. No primeiro caso tiñan previsto organizar unha cronoescalada que de momento non ten data fixada, aínda que si colaborarán co Concello nunha ruta BTT nocturna que se desenvolverá o 27 de xuño. O Castelo puxo enriba da mesa un problema de fondo que non ten tanto que ver cos requisitos hixiénicos e preventivos que se deberán cumprir a partir do verán, senón cunha situación nova e incerta que tronzou as programacións previstas e que “posiblemente” tamén provoque o letargo das asociacións durante o que queda de ano. As razóns aducidas son dúas: a información reiterada sobre a posibilidade dun repunte de contaxios no outono e a reticencia a ter que repensar e reorganizar unha programación que xa estaba completamente definida.

Con todo, ao igual que Brío, Santa Mariña e Biela e Chaveta, O Castelo mostrou a súa disposición para propoñer actividades alternativas con formatos que se adapten ás circunstancias. Nesa mesma liña encóntrase a área municipal de Cultura. A concelleira do ramo, Amparo Calvo, animou aos colectivos a “perder o medo pero non o respecto” á COVID-19 e a que desde as asociacións se promovan “novas maneiras de socializar”. Calvo explicou que a intención do Concello é desenvolver programas ao aire libre, como por exemplo a exposición “Pintámo-lo Mundo” de Aspaneps e Gabriel Tizón, a continuación das escolas musicais en espazos abertos ou a proxección do filme “María Solinha” o venres 3 de xullo no arboreto da Cortiña. A concelleira tamén informou sobre a descentralización da programación municipal  levando ás parroquias distintas actividades -maxia, música, actuacións das escolas municipais-, priorizando o exterior ou incluso a dinamización da hostalaría.

Share.