O vólei praia está de moda. De feito leva estando de moda unha boa temporada a raíz das actividades que desenvolve o programa Rei da Granxa nas canchas de area situadas no mesón do mesmo nome. Agora, os promotores desta iniciativa, xunto co Club Deportivo Aldebarán e o Concello, con apoio da Deputación da Coruña, fan unha aposta decidida por esta disciplina organizando o I Torneo Internacional de Vólei Praia Concello de San Sadurniño. Unha competición que se desenvolverá os días 22 e 23 deste mes e que será puntuable para os ránkings galego e estatal. A presentación oficial fíxose antonte pola mañá no patio do Concello, coa participación do alcalde, Secundino García Casal; do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; do director de Comunicación e Márketing da Federación Galega de Voleibol, Alberto García; e do coordinador do torneo e xogador local, Marcos Blanco Couce. A organización confía en que esta primeira edición sirva para consolidar unha cita con vocación de continuidade e proxección internacional.
A presentación do torneo puxo de manifesto a importancia desta nova competición para o deporte local e para dar a coñecer o municipio aínda máis. Trátase da primeira vez que San Sadurniño acolle un torneo internacional de vólei praia, unha iniciativa impulsada por Marcos Blanco -a través da iniciativa Rei da Granxa- e o Aldebarán coa colaboración do Concello, da Deputación da Coruña e da Federación Galega de Voleibol.
O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, destacou durante a presentación que apostar polo deporte “é apostar por moitas máis cousas que unha cuestión deportiva”. Na súa intervención puxo o acento na capacidade deste tipo de eventos para promover o territorio e xerar actividade económica, favorecendo a chegada de deportistas e acompañantes, as pernoitas e o consumo nos establecementos da contorna.
Regueira salientou tamén a importancia de apoiar a práctica deportiva e de achegala a todos os concellos da provincia, sobre todo aos máis pequenos. Ademais, puxo en valor a traxectoria de San Sadurniño no voleibol e o traballo desenvolvido polo tecido deportivo local, así como a colaboración entre o Concello, o CD Aldebarán e a Federación Galega de Voleibol para facer posible unha cita destas características.
Pola súa banda, o alcalde, Secundino García Casal, expresou a satisfacción do Concello por acoller unha competición deste nivel e insistiu na vontade municipal de vincular turismo e deporte. “O voleibol é un deporte minoritario, pero un deporte minoritario que ten moitísimos practicantes”, sinalou, ao tempo que destacou que as persoas que visitan o municipio con motivo de eventos deportivos “sempre volven” posteriormente para coñecer mellor a contorna.
Desde a Federación Galega de Voleibol, Alberto García subliñou a aposta que se está facendo polos torneos de praia e asegurou que os resultados organizativos están a ser moi positivos. Na súa opinión, este torneo internacional “pinta moi, moi ben” e representa un paso adiante para o desenvolvemento do vólei praia en Galicia.
O responsable da organización, Marcos Blanco Couce, falou da boa resposta que está tendo a convocatori, na que xa hai arredor de corenta parellas inscritas e continúan chegando solicitudes de participación, o que mesmo podería obrigar a ampliar as fases previas da competición. “Estamos moi contentos de que veñan parellas de ámbito internacional, xogadores e xogadoras que compiten no Pro Tour e no circuíto mundial”, afirmou.
Entre as inscricións confirmadas figuran nomes destacados do panorama internacional, como a internacional turca Özge Kirdar, integrante da selección do seu país nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, e a parella formada por Francisco Pombeiro e Marcus Borlini, situada entre as mellores do circuíto mundial. Para Blanco, a boa acollida desta primeira edición é consecuencia do traballo realizado nos últimos anos arredor do vólei praia na Granxa e da proxección acadada polos torneos organizados no municipio. “A xente de fóra quere vir probar e desfrutar do ambiente. Iso dinos que estamos no camiño correcto”, asegurou.
O torneo repartirá premios económicos e en material deportivo. A parella gañadora recibirá 100 euros en metálico e outros 100 euros en material de Volabola; a segunda clasificada obterá 100 euros e a terceira, 50 euros. Ademais, as parellas clasificadas para o cadro final recibirán a equipación oficial do torneo Rei da Granxa.