Amplíase até o 2 de novembro a presentación de ofertas polo tractor vello do Concello

0

O Concello de San Sadurniño ten publicado na plataforma de contratación o procedemento de alleamento do tractor máis vello do parque móbil municipal, un Fiat Agri 110-90 DT matriculado en 1994 que en breve será substituído por outro novo que acaba de licitarse e que o consistorio recepcionará en cuestión de días. A venda do antigo tractor tramitarase mediante poxa á alza sobre un prezo base de 8.000 euros. As empresas e persoas interesadas en facerse co vehículo poderán presentar as súas ofertas até as 23:59h do próximo 2 de novembro. Son catro días máis que o anunciado inicialmente, debido á subsanación nun erro detectado nos pregos onde, ademais, se estipula que as propostas han de achegarse usando obrigatoriamente o aplicativo de preparación de ofertas da Plataforma de Contratación do Sector Público.  

O Fiat Agri presenta un estado de desgaste xeral motivado polo uso intensivo dos últimos 26 anos, tempo no que traballou principalmente na limpeza viaria. O Concello optou por desfacerse del ante o incremento dos gastos de mantemento e, máis que nada, pensando na saúde e seguridade dos operarios que o manexaban a diario sentados durante horas nunha cabina incómoda, pouco ergonómica e sen un illamento acústico axeitado.

Malia a súa aparencia e idade, as boas referencias do tractor están avaladas pola recoñecida dureza deste modelo agrícola de Fiat e polo estrito programa de mantemento que se seguiu no Concello desde que se mercou novo en 1994. Ademais, o vehículo está en orde de circulación e coa itv en vigor, polo que pode ser unha opción interesante como tractor de apoio en explotacións agrogandeiras -a pá é un punto a favor- e como máquina motriz de apeiros que se moven pouco do sitio, como por exemplo carros mesturadores ou picadoras de leña.

No lote que está en poxa pública inclúese a pá que leva montada na parte dianteira, pero non a rozadora traseira, posto que está previsto facerlle unha pequena actualización -novos rodamentos e martelos e unha bomba hidráulica máis potente-  e instalarlla ao tractor forestal Deutz mercado recentemente polo Concello por un importe de 70.500 euros.

En calquera caso, quen queira presentar oferta polo Fiat, ten até as 23:59h. do próximo 2 de novembro e, recordamos, só se admitirán propostas por vía electrónica  achegando a documentación -Sobre A de documentación administrativa e Sobre B de proposición económica- a través da ferramenta de preparación de ofertas da  Plataforma de Contratación co Sector Público. Para acceder a ela é necesario rexistrarse antes na plataforma.

Enlace á licitación 

Share.