O proxecto “Aloumiños” é unha iniciativa promovida polo SERGAS e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia que se pretende poñer en marcha en varios concellos do rural galego, entre eles San Sadurniño, con financiamento do Ministerio de Sanidade. A idea é promover as relacións sociais entre as persoas maiores como xeito de estreitar vínculos, reforzar a comunidade, combater a soidade e contribuír á mellora da saúde do corpo e da cabeza. Para falar do programa organizáronse varios encontros -con café e biscoito- que se desenvolverán en Naraío, Santa Mariña e Lamas na última semana de setembro.
O labor de dinamización social que pretende levar a cabo “Aloumiños” farase realidade organizando distintas actividades conducidas por unha educadora social que se encargue de organizalas con axuda das persoas participantes. Pero antes diso fai falla saber cales serán esas actividades e como se van levar a cabo, algo que as veciñas e veciños interesados poderán decidir tomando un café e un pedazo de queique nas xuntanzas que terán lugar en Naraío o martes 24 de setembro, en Santa Mariña do Monte o mércores 25 e en Lamas o xoves 26 de setembro, todas elas ás 17:00h.
Para acudir ás reunións -nas que haberá xente do proxecto e do Concello- non fai falla inscrición, abonda con estar no día e na hora sinalados. Nelas explicarase con máis detalle o que se pretende e escoitaranse as propostas da veciñanza, coa finalidade de que “Aloumiños” se axeite ás necesidades e tamén ás preferencias da veciñanza de maior idade.
E tamén vai collendo forma o proxecto RPM
Por outra banda, a Asociación Cultural Colectivo RPM (Residencias Artísticas e Proxectos Magnéticos) tamén vai poñer en marcha en colaboración coa mediadora cultural Natalia Balseiro e co financiamento da Fundación La Caixa, un proxecto dirixido especificamente a persoas maiores que se atopen en situación de soidade non desexada, co obxectivo de crear vínculos duradeiros entre elas de cara a mellorar a súa calidade de vida.
A raíz da información que se publicou na web e nas redes sociais municipais houbo moitas persoas maiores que se interesaron por esta iniciativa que arrancará, previsiblemente, no mes de outubro e que se desenvolverá ata decembro. Quen queira sumarse a ela só ten que contactar coa Traballadora Social no 981 490 027 (ext.1).