Alomenos outro ano máis sen poder poñer patacas

0

A nova saltou este martes, trala xuntanza da comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca na que se adiantou o levantamento das restricións de plantación en nove municipios galegos, sete deles na provincia da Coruña e dous na de Lugo. Os “afortunados” na nosa comarca son Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes, mentres que en Lugo tamén poderán volver poñer pataca os municipios de Ourol e Abadín. A outra cara da moeda represéntana os municipios de Narón, Neda, Valdoviño e San Sadurniño onde a corentena aínda se manterá alomenos outro ano máis.  Porén, a noticia non é mala de todo xa que este mediodía fontes da Xunta confirmaban que durante este ano que remata non se detectara presenza de couza no noso concello e que, de seguir así, a partir de marzo de 2021 poderiamos estar botando pataca de novo.

Se durante 2019 non houbo constancia da presenza de avelaíñas guatemaltecas en San Sadurniño, ¿cal é entón a razón de que en 2020 sigamos tendo prohibido plantar patacas?. A resposta está na normativa estatal que regula a aplicación de medidas  de control e erradicación en zonas demarcadas como de corentena. Nela especifícase que para o levantamento das restricións deben pasar alomenos dous anos sen que caia ningún exemplar nas trampas que distribuiu a Xunta polas áreas afectadas. As do concello de San Sadurniño mantivéronse totalmente limpas de couza nos últimos 12 meses, pero non así en 2018, cando se produciron varias capturas deste insecto.

Polo tanto, e de acordo cos prazos oficiais sinalados na normativa, a prohibición de poñer pataca continuará outra campaña máis. Se as trampas non detectan ningunha tecia ao longo do ano que entra a medida podería retirarse en marzo de 2021. Haberá que cruzar os dedos para que nos próximos meses non apareza ningún foco, xa que iso obrigaría a prorrogar a corentena polo menos até o 2023.

O responsable municipal de Desenvolvemento local, Manolo Varela, mostrouse cauto ao respecto: “parece que a cousa vai por bo camiño, pero non hai seguridade absoluta de que dentro duns meses non poidan aparecer avelaíñas nalgunha trampa. Sería unha noticia pésima xa que sumaría dous anos máis de prohibición. Tamén sería un duro golpe para as economías familiares, que encadearían seis anos sen poder plantar ou, dito doutra maneira,  seis anos seguidos tendo que comprar as patacas”.

Varela lembra que a noticia deste mércores “non cambia nada por agora” posto que ao detectarse exemplares da couza en 2018 “aínda estamos dentro do prazo de dous anos de corentena e por iso seguimos tendo o deber de cumprir de maneira rigorosa o decreto que prohíbe plantar. Se non hai pataca na terra o insecto non pode reproducirse nin alimentarse e acaba desaparecendo. A Xunta insiste en que non plantar  é a única maneira efectiva de acabar coa praga”.

O anuncio do levantamento das restricións de poñer patacas en 9 municipios galegos  fíxose onte no marco da comisión de seguemento da praga á que asistiron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, ademais de persoal técnico da consellaría, do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, da FEGAMP e da IXP Pataca de Galicia.

No encontro analizáronse os resultados do plan de erradicación nas zonas en corentena e, segundo trascendeu, fíxose unha valoración “moi positiva” da marcha do programa, posto que se certificou unha baixa das poboacións en todos os municipios que estaban en corentena e  constatouse que en alomenos nove deles -sete da Coruña e dous de Lugo- as trampas colocadas por Medio Rural levan desde 2017 sen detectar exemplares de couza. A situación seralle trasladada ao Ministerio de Agricultura a primeiros de ano coa finalidade de que se volva autorizar a sementa neses concellos por medio da correspondente publicación no BOE.

Na nosa zona veríanse beneficiados do anuncio Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes, que pasarían a ter a condición de “zona tampón” por estar libres de couza e lindar con municipios que continúan en corentena. Neste cordón sanitario contra a tecia solanivora povolny -do que xa formaban parte Moeche, As Somozas, Cerdido e Cedeira- poderanse retomar as plantacións, aínda que sempre baixo supervisión da Xunta de Galicia.

No resto de Ferrolterra, o Eume e o Ortegal a prohibición seguirá afectándolle a Neda, San Sadurniño, Valdoviño, Cariño, Ortigueira e Mañón. Cómpre lembrar, por último, que as sancións por plantar patacas en calquera destes concellos poden chegar ata os 3.000 euros.

Share.