Desde hoxe á tarde empezaremos a notar os restos do furacán Kirk, convertido agora nunha profunda borrasca atlántica que nos deixará moita auga e vento. Hai aviso de alerta amarela que subirá a laranxa cara á medianoite, momento no que se prevé o inicio dos momentos máis duros do temporal, con ventos superiores aos 80 km/h (os refachos poderían ser de entre 100 e 140 km/h entre as 06:00h e as 12:00h do mércores) e ata 80 litros por metro cadrado de acumulación de auga en 12 horas.
Ante esta situación, desde o Concello reitéranse as recomendacións oficiais de seguridade, que pasan por limitar os desprazamentos aos estritamente necesarios, ter coidado coas caídas de árbores e outros obxectos, non subir aos tellados e asegurar calquera obxecto exposto ao vento.
Ademais tamén se insiste en que se deben evitar as zonas próximas aos cauces dos ríos e non achegarse en ningún caso, nin a pé nin en vehículo, a unha vía inundada ou próxima a un curso de auga. En San Sadurniño os puntos onde adoitan producirse incidencias por este motivo son os seguintes:
- O atallo desde Cornide á Portela (a pista da depuradora)
- A estrada provincial DP-7601 na zona industrial da Bidueda (desde o desvío da Penamoura até o desvío a Intasa)
- O tramo inferior da pista da Bidueda á Penamoura (desde Metalfra até as naves de Pena)
- As pontes e pistas que discorren preto do Xubia nas veigas de Lamas e Ferreira (Pontellas, Felgosa, Prospes, etc.)
Desde o Concello prégase a máxima precaución e que se lle preste atención aos avisos dos servizos meteorolóxicos e de Protección Civil de cara a pasar con ben este primeiro temporal forte do outono.