AFAL-Ferrolterra ofrece un curso gratuíto para persoas coidadoras de doentes de Alzhéimer

0

A asociación AFAL-Ferrolterra e máilo Concello de San Sadurniño colaboran na organización dun curso dirixido a persoas coidadoras de enfermas e enfermos de Alzhéimer, unha doenza para a que de momento non hai tratamentos preventivos e que ten serias implicacións para a calidade de vida de quen a padecen e tamén de quen se encargan da súa atención. A actividade desenvolverase en liña desde  3 até o 7 de maio entre as 12.00 e as 13.00h. e ofrecerá contidos de grande interese tanto para coidadoras e coidadores principais como para outras familiares que miran pola persoa enferma de maneira ocasional. Falarase de todo: da enfermidade en si mesma -e doutras demencias-, da súa evolución e das cuestións que se deben ter en conta para uns coidados axeitados. Porén, unha parte importante do curso centrarase na figura da persoa coidadora e en como axudarlle a xestionar a situación sen que iso incida de maneira negativa na súa propia vida e no seu futuro. A actividade é totalmente gratuíta e require inscrición previa a través do teléfono 981 370 692 ou do correo afalferrolterra@afalferrolterra.com.

O curso titúlase “Aprendizaxe de convivencia coa demencia” e ten un amplo programa deseñado para coñecer en profundidade os procesos dexenerativos da cognición e, principalmente, os motivados polo Alzhéimer.

AFAL-Ferrolterra, como entidade sen fins de lucro especializada na materia, conta cunha longa traxectoria e experiencia abordando este problema sociosanitario desde o ámbito da estimulación cognitiva, co obxectivo de ralentizar o seu avance e mellorar ao mesmo tempo a calidade de vida das persoas afectadas e das familias.

O seu traballo interdisciplinar, desenvolvido por profesionais e persoas voluntarias, divídese en tres grandes áreas: o labor diario nos centros de día terapéuticos -complementado con obradoiros en colaboración con distintos concellos-, o labor de difusión para un maior e mellor coñecemento da enfermidade de Alzhéimer e, quizais un dos máis importantes, o traballo de formación para as familias mostrándolles estratexias que lles axuden a sobrelevar da mellor maneira posible a enfermidade e facerlles máis doadas as tarefas de coidado.

Neste último apartado é onde se encadra o curso que se desenvolverá os días 3, 4, 5, 6 e 7 de maio entre as 12.00 e as 13.00h. a través da plataforma en liña Google Meet, que funciona con calquera conta de Gmail ou, se non se dispón dela, instalando unha pequena aplicación no dispositivo que se vaia utilizar para a conexión. En calquera caso, trala inscrición AFAL-Ferrolterra enviaralle a cada participante a ligazón para acceder á videoconferencia. Para anotarse hai que chamar ao 981 370 692 ou mandar un correo a afalferrolterra@afalferrolterra.com.

Un curso fundamental para calquera
A actividade que propón a entidade en colaboración co Concello é moi recomendable para calquera persoa, aínda que non teña na familia ningún caso de Alzhéimer. ¿Por que?, pois por unha razón tan sinxela como que esa enfermidade ou calquera outro proceso de deterioramento da cognición poden aparecer en calquera momento e, cando o fagan, é mellor ter xa coñecemento sobre como afrontalo.

Por este motivo o programa do curso de AFAL-Ferrolterra ten cinco partes ben definidas que arrancan coa definición e detección das demencias, así como a súa prevención e/ou retraso da súa aparición -lembremos, o cerebro é un órgano vivo que se pode adestrar e fortalecer para que se manteña en forma durante toda a vida- ou os tratamentos existentes (farmacolóxicos e non farmacolóxicos) que hai para tratalas.

Nun segundo apartado afondarase neses tratamentos non farmacolóxicos -que poden e deben ser complementarios das prescricións médicas- nos que se promove o traballo cognitivo, pero tamén a comunicación ao longo das fases da evolución da enfermidade xunto coas actitudes positivas que debe adoptar a persoa coidadora.

Quizais dúas das partes fundamentais do curso son as referidas á propia figura da persoa coidadora e a como convivir coa demencia. Tal e como explican desde AFAL-Ferrolterra, o Alzhéimer “repercute en todos os ámbitos da vida do coidador/a principal” e por iso é moi importante que el ou ela “chegue a manexar con certa soltura todos os tipos de ferramentas e directrices existentes sobre o mesmo coidado”, algo que ten que ver cunha correcta atención ao enfermo, pero sobre todo co propio estado anímico e de saúde de quen se ocupa del.

Coidar require tempo e significa, segundo AFAL, “unha elevada carga física e mental” que pode traducirse en alteracións “emocionais, laborais, sociais, etc.”, dándo lugar ao que se denomina como “Síndrome do coidador”. Insomnio, cansanzo físico e mental, depresión, illamento, ansiedade… son só algúns dos efectos desa síndrome que, ademais, adoita relacionarse con sacrificios persoais no ámbito laboral, educativo e das perspectivas de futuro, principalmente nas mulleres por ser elas quen maioritariamente exercen a función do coidado.

Así, o curso cargará moito as tintas no rol da persoa coidadora principal, nas fases da síndrome que lle pode afectar, os principais sinais de alerta e a prevención mediante formación e hábitos saudables. Ademais tamén se incidirá -e moito- nas técnicas que se deben aplicar no día a día e as actitudes que cómpre adoptar para xestionar alteracións da conduta das persoas enfermas, que se poden ver acentuadas por factores externos, como por exemplo as frecuencias do sono, a disposición dos espazos, a alimentación ou o aseo.

En último caso, o obxectivo do curso  “Aprendizaxe de convivencia coa demencia” organizado por AFAL-Ferrolterra -que, insistimos, é moi recomendable facer- dará claves para unha correcta atención das persoas enfermas de Alzhéimer e outras demencias e, máis que nada, recomendacións de grande utilidade para que as persoas coidadoras tamén se coiden elas mesmas.

Share.