Abril, mes da Saúde polas parroquias e de arranque oficial do obradoiro de Baile tradicional

0

O 7 de abril foi o Día Mundial da Saúde. Unha data que se reivindica unha sanidade que sexa verdadeiramente universal e na que se pon de manifesto a necesidade de ter hábitos saudables como mellor maneira para previr enfermidades mortais ou incapacitantes. Aproveitando a data, e durante todo o mes, a área de Cultura e Deportes vai levar a cabo a actividade “Abrazando a risa interior” nos locais sociais das parroquias. Ademais, a partir do xoves 21 tamén bota a andar -xa de maneira oficial- o obradoiro de baile tradicional na Casa da Cultura. 

“Abrazando a risa interior” serán sesións participativas e moi entretidas que estarán conducidas pola adestradora emocional Baia Fernández. Nelas exercitarase o movemento, o xogo e, sobre todo, a risa, co obxectivo de crearnos un estado de ánimo que nos predispoña para mirar a vida desde unha óptica máis sá.

Todos os encontros desenvolveranse en horario de 16:00 a 18:00h e fai falla inscribirse antes no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

  • 18 de abril – Local social de Naraío
  • 19 de abril – Local social da Torre, Igrexafeita
  • 25 de abril – Local social do Chao de Lamas
  • 26 de abril – Local social de Santa Mariña

Obradoiro de Baile tradicional
Ademais desta actividade, a Concellaría de Cultura tamén vai poñer en marcha oficialmente o obradoiro de Baile tradicional. A proposta tívose a proba nos últimos meses para ver se callaba, coa intención de mantela con carácter fixo de par das escolas de gaita e pandeireta a partir do curso que vén.

Agora que hai un grupo máis ou menos estable ábrese un novo período de inscrición que se anoten todas as persoas que participaron na proba e tamén aquelas que queiran sumarse ao grupo, do que xa vimos unha pequena demostración na “Algueirada de inverno” celebrada en Bardaos hai unhas semanas.

Os ensaios mantéñense nos xoves entre as 20:00 e as 21:00h dirixidos por Dani Picos. O obradoiro desenvolverase do 21 de abril ao 21 de xullo, cun prezo polo total do trimestre de 33,90€, ou ben 22,61€ se se trata de maiores de 65 anos, menores de 18 anos, titulares de Carné Xove, estudantes, pensionistas e membros de familia numerosa.

Para apuntarse hai que chamar ao 616 332 919 ou enviarlle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal con este formulario debidamente cuberto, que tamén se pode rexistrar a través da Sede Electrónica.

Share.