Abre o prazo de inscrición no Espazos das familias 2022

0

O Concello de San Sadurniño vai desenvolver de novo o programa Espazos das familias dirixido a todas aquelas que teñan nenas e nenos de entre 0 e 3 anos.   Trátase dunha actividade de apoio á educación que ofrece un espazo de relación e xogo onde as familias poden profundizar no desenvolvemento das súas crianzas. As sesións desenvolveranse cada quince días na Casa da Cultura desde febreiro ata o mes de maio. As inscricións poden facerse ata ao 23 de decembro nas oficinas de Servizos Sociais do Concello, a través do correo pilar.calvo@sansadurnino.gal ou chamando aos teléfonos 981490 027 ext 1 e 673 903 922.

“Espazos das familias” é un programa que hereda a función e a estrutura do desaparecido Preescolar na casa.  Vai dirixido a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, unha etapa da infancia na que a rapazada empeza a descubrir o mundo arredor e na que se comeza a formar a que será  a súa personalidade futura.

As xuntanzas desenvolveranse, en principio, os mércores cada quince días entre febreiro e maio, en horario de 17:00h. a 18:30h. As sesións propóñense como un xogo colectivo e perseguen que os pais e nais aprendan todo o que hai que saber sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o núcleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre como levar a cabo unha crianza dos nenos e nenas responsable, igualitaria e suxeita a normas de convivencia.

Ademais, o programa tamén está enfocado a que as familias interactúen entre elas, que compartan experiencias, opinións, etc.. Os encontros non substitúen a función dunha escola infantil, aínda que si axudan á aprendizaxe por parte das nenas e nenos e á súa socialización por medio de actividades en conxunto,  algo que lles será de grande utilidade cando lles chegue o tempo de ir ao colexio ou á EIM.

O obxectivo de Espazos das familias tamén é favorecer o desenvolvemento psicomotriz do meniños e meniñas ademais da súa creatividade. Por iso as propostas que  atoparán cada quince días na Casa da Cultura priorizan os entretementos sinxelos para toda a familia que despois se poden seguir poñendo en práctica na casa. Neste sentido, aos pais e nais tamén se lles facilitan algunhas claves da educación que se deben ter en conta dentro da familia, ademais de insistirlles na importancia do seu exemplo como referente dos nenos e nenas.

Para obter máis información ou para apuntarse nos Espazos… pódese chamar ao 981490 027 ext 1 ou ao teléfono do Programa de Educación Familiar:  673 903 922. O último día para inscribirse é o 23 de decembro. Será imprescindible enviar cuberta a ficha de inscrición ao correo pilar.calvo@sansadurnino.gal e, no momento en que empece o programa, entregar tamén a documentación de aceptación de condicións da participación e a declaración responsable referida á COVID-19. O desenvolvemento da actividade estará condicionado pola situación sanitaria que poida haber nas datas previstas de inicio.

Ficha de inscrición (enviar antes do 23 de decembro a pilar.calvo@sansadurnino.gal)
Plan de prevención da COVID-19 (para ir lendo)
Aceptación das condicións de participación (entregar cuberto o primeiro día das actividades)
Declaración responsable (entregar cuberto o primeiro día das actividades)

Se a descarga non se inicia picando en cada ligazón, pon o rato enriba, preme o botón dereito e selecciona “Gardar como”

 

Share.