Aberto o prazo de solicitude dos campamentos deportivos da Deputación

0

A Deputación da Coruña convoca o programa de campamentos deportivos deste ano, que se desenvolverá entre o 2 e o 7 de xullo. Aínda faltan dous meses, pero é necesario ir facendo xa as solicitudes de inscrición para cumprir cos prazos que establece o ente provincial. A San Sadurniño correspondéronlle 3 prazas ás que poderá optar a rapazada de entre 9 e 14 anos. O prazo para botar a solicitude finaliza o día 7 de xuño e haberá que presentala no rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica. Se houbese máis peticións que prazas dispoñibles efectuarase un sorteo público. En todo caso terán prioridade as rapazas e rapaces que nunca participasen no campamento.

A actividade terá lugar nas instalacións do IES Rosalía Mera, na Coruña, e ten un custe de 85€ que se deberán facer efectivos unha vez que se teña confirmada a praza, non antes. Como ocorre noutras actividades provinciais, como por exemplo a campaña de esquí, a Deputación contrata arredor de 400 prazas que logo se reparten entre todos os municipios seguindo principalmente criterios poboacionais. Unha vez feita esta distribución, o organismo supramunicipal define un calendario con varias quendas para cada comarca, de maneira que se facilita a loxística e, ademais, tamén se consegue que a rapazada dunha área determinada participe toda xunta no campamento. San Sadurniño irá este ano dentro da primeira quenda -entre o 2 e o 7 de xullo- xunto co resto de municipios da zona, desde Cedeira ata Vilarmaior.

Durante a súa estadía, a rapazada contará cun amplo programa de propostas de lecer, que inclúe a práctica de deportes náuticos, actividades ao aire libre, unha xornada de praia, visitas culturais, etc. Ademais, segundo explica a Deputación, en toda a programación -sobre todo en xogos e obradoiros- introduciranse elementos “que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polas demais persoas”.

O último día para botar a solicitude no rexistro municipal (ou a través da Sede Electrónica) é o 7 de xuño. San Sadurniño dispón de 3 vacantes e se houbese máis peticións que prazas dispoñibles faríase un sorteo público entre todas as solicitudes rexistradas perante a secretaria municipal. Cómpre ter en conta que, en todo caso, terán prioridade aquelas cativas e cativos que nunca participasen nun campamento provincial de verán.

Unha vez confirmada a praza, as familias deberán efectuar o pagamento dos 85€ que custa a estadía (a Deputación informará proximamente do número de conta), incluída mantenza, actividades, seguro e transporte desde os lugares de saída e chegada.

Para obter máis información pódese contactar co técnico de Cultura no 616 332 919 ou enviarlle un correo ao enderezo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Folleto informativo sobre o campamento de verán

 

Share.