Aberto o prazo de solicitude das bolsas escolares e das axudas para os gastos de conciliación na escola infantil

0

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 14 de xaneiro as bases polas que se rexerá a convocatoria de bolsas de axuda ao estudo dirixidas a familias con rapazada que curse estudos obrigatorios e postobrigatorios e tamén para aquelas familias de San Sadurniño con crianzas matriculadas na EIM A Rolada. O anuncio publicouse BOP deste 23 de xaneiro, de maneira que desde hoxe venres empeza a correr o prazo de 30 días naturais para presentar a solicitude. A documentación poderá presentarse, polo tanto, ata o 21 de febreiro de maneira presencial no rexistro, ou ben ata as 23.59h. do sábado 22 de febreiro se o trámite se fai a través da Sede Electrónica.

A cantidade total das axudas ascende a 25.000 euros. Ese importe reservado polo Concello distribúese en catro apartados: 10.000 euros para estudos postobrigatorios, cun máximo de 600 euros por bolsa; 5.000 euros para estudos obrigatorios, cos que se financiarán bolsas de ata 200 euros por alumna/o; 8.000 euros para axudas da EIM A Rolada, cun límite máximo de 1.500 euros por menor e, por último, un cuarto apartado dotado con 2.000 euros de reserva para situacións socioeconómicas especiais.

Para outorgar as bolsas atenderase, entre outros, a criteiros de renda, número de membros da unidade familiar e, no caso dos estudos postobrigatorios, tamén o expediente académico do mozo ou moza para quen se solicite a bolsa. Se falamos das axudas para gastos de conciliación na EIM A Rolada tamén se terá en conta os umbrais económicos das familias solicitantes, o importe total do servizo contratado e o crédito dispoñible para esta liña da convocatoria.

Volvemos insistir: desde este venres 24 -incluido- hai 30 días naturais para presentar as solicitudes. Ao cadrar o último día en sábado o trámite só poderá facerse presencialmente no Rexistro Municipal ata o venres 21 de febreiro, ou ben de maneira telemática o sábado 22.

Regulamento actualizado da EIM
No mesmo boletín en que se publicou a convocatoria destas axudas tamén saiu publicada a actualización do regulamento de funcionamento da Escola Infantil Municipal A Rolada. O texto incorpora os últimos cambios aprobados en pleno, referidos practicamente todos a pequenas cuestións organizativas e de cumprimento de normativa e/ou recomendacións formuladas pola Xunta de Galicia.

O prazo de solicitude de reserva de praza de cara ao curso 2020-2021 estará aberto entre o 1 e 15 de marzo.

Máis información
Convocatoria de bolsas escolares publicada no BOP
Anexo de solicitude I
Anexo de solicitude II
Anexo de solicitude III

Novo regultamento da EIM

Share.