Aberto o prazo de preinscrición na Campaña de Esquí 2023 da Deputación da Coruña

0

A Deputación reeditará a comezos de ano a campaña de actividades na neve dirixida a un total de 600 rapaces e rapazas de 11 a 15 anos (feitos a 31 de decembro de 2022) empadroados en concellos da Coruña. Nesta edición irán á estación de Valgrande-Pajares repartidos en 6 quendas que comezarán en xaneiro. Ao Concello de San Sadurniño tócalle  a primeira, entre o 13 e o 16 de xaneiro, ambos días incluídos, e este ano haberá 4 prazas dispoñibles. Por esta razón, a área de Deportes manterá aberto ata o próximo 16 de decembro o período de preinscricións e, de haber máis peticións que prazas dispoñibles, farase un sorteo público o día 22 de decembro ás 12:30h na Casa da Cultura. As solicitudes deben presentarse no rexistro municipal (ou na Sede Electrónica) cumprimentando a parte final deste folleto informativo, que pode cubrirse directamente desde o navegador. 

O prezo da viaxe serán 85 euros, que inclúe o traslado desde o punto de recollida, o aloxamento, a manutención, o seguro, os cursos e remontes e todas as propostas paralelas que se lles ofrecerán as rapazas e rapaces durante os seus catro días de estadía desde a tarde do venres 13 de xaneiro ata a súa volta no serán do luns 16.

Tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, a Deputación distribúe un número determinado de prazas entre os municipios da provincia, agrupados por proximidade xeográfica. San Sadurniño vai con Ares, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes, As Somozas e Valdoviño.

Para esta edición o noso municipio contará con 4 prazas, que se poderán solicitar para a rapazada empadroada -importante, ten que estar empadroada- que teña feitos de 11 a 15 anos (ambas idades incluídas) a día 31 de decembro de 2022.

Para optar a unha delas será necesario cubrir o formulario que acompaña o folleto informativo editado pola Deputación, detallando o municipio ao que se pertence, os datos da rapaza ou rapaz para quen se solicita a praza, a indicación de se ten alerxias e as vacinas subministradas e, por suposto, a información da nai/pai ou persoa titora que autoriza a súa participación no programa.

A folla de solicitude hai que rexistrala presencialmente no Concello, ou ben a través da Sede Electrónica municipal. O último día é o 16 de decembro. Se houbese máis peticións que prazas dispoñibles, o Concello fará un sorteo público para adxudicalas uns días despois, o xoves 22 de decembro ás 12:30h na Casa da Cultura. As restantes peticións tamén se sortearán para formar parte da lista de agarda.

As familias que obteñan a praza deberán aboar o custe da viaxe e presentar a documentación requirida para validar a inscrición: a fotocopia da tarxeta sanitaria, a do carné de identidade ou libro de familia, o resgardo do pagamento (a conta na que deberán facer o ingreso indicarase cando se confirme a praza) e, no caso de que a nena ou neno teña algún tratamento prescrito ou algunha doenza que se deba ter en conta, tamén certificación médica.

Share.