O espazo da Cortiña e do paseo fluvial de San Sadurniño vai acoller o domingo 28 de abril unha nova edición da Feira da Plantación, o evento co que o Concello pretende poñer en valor a produción floral e de planta do municipio aproveitando ademais para reivindicar o rural como un medio vivo e cheo de oportunidades de futuro. A Área de Desenvolvemento local está ultimando un programa que volverá ofrecer múltiples actividades entre obradoiros, exposicións, música e, sobre todo, unha chea de postos nos que atopar moita planta ornamental, xunto con maquinaria, produto alimentario e artesanía. Os postos que desexen asistir poderán solicitalo ata o luns 22 de abril. Deben achegar a folla de inscrición debidamente cuberta a través da Sede Electrónica, presencialmente nas oficinas municipais ou ben por correo postal.
A XXVII Feira da Plantación desenvolverase entre as 10:00 e as 20:00h do domingo 28 de abril e contará principalmente con planta de temporada, pero tamén con árbores froiteiras e pés para horta -pemento, leituga, tomateiras, etc.- que converterán o recinto no mellor escaparate comarcal para conseguir todo o necesario -incluídas sementes, ferramentas e maquinaria- para preparar morteiros ou decorar os xardíns.
Alén do produto verde á venda, ao que se lle arrimará a alimentación e a artesanía relacionada co mundo vexetal, o evento tamén virá cargado de actividades paralelas entre obradoiros, roldas musicais, demostracións, sorteos e o tradicional agasallo dunha bolsiña con planta ornamental.
Para expor ou vender na feira poderán presentarse as solicitudes até o 22 de abril no rexistro municipal, na Sede Electrónica ou por correo postal (Concello de San Sadurniño, O Casal 15, 15560, San Sadurniño). Os prezos de participación dependerán do número de metros liñais que se queiran reservar, até un tope de 15 metros liñais para os postos convencionais e 25 para os viveiros e maquinaria agrícola. Este ano volve ofrecerse a posibilidade de solicitarlle ao Concello a montaxe de carpa e/ou toma de corrente, asumindo unha taxa superior que inclúe a cota e a instalación do equipamento. As entidades sen fins de lucro poderán participar de balde, aínda que sempre sen superar os 5m frontais por 5 de fondo.
Segundo o anuncio publicado no BOP, as cotas son as seguintes:
- 1 a 5 metros frontais por 5 de fondo: 5€
- 6 a 15 metros frontais por 5 de fondo: 15€
- 16 a 25 metros frontais por 7 metros de fondo: 45€
- Postos que soliciten carpa de 5x5m instalada polo Concello: 85€
- Postos que soliciten carpa de 12x6m instalada polo Concello: 200€
O Concello publicará o listado de postos admitidos o día 24 de abril e, feito isto, os expositores e expositoras deberán confirmar a inscrición pagando a cota correspondente no número de conta que figura na folla de solicitude xunto coas bases de participación. O resgardo do pagamento haberá que presentalo o propio día da feira e será imprescindible para poder acceder ao recinto.
A Feira da Plantación é unha actividade financiada pola Deputación da Coruña.