Aberto o prazo de inscrición en Espazos das Familias e nas actividades de Memoria Activa para persoas maiores

0

Aínda que estamos en pleno verán, as áreas de Igualdade e Servizos Sociais xa andan cos preparativos do novo curso tanto no programa Espazos das Familias como nos obradoiros de Memoria Activa para persoas maiores. Dúas actividades que comezarán en outubro pero que teñen aberto o prazo de preinscrición ata finais do mes de setembro. Os Espazos… calcarán o funcionamento do ano pasado, mentres que as sesións de Memoria estarán conducidas por persoal especializado pertencente a AFAL-Ferrolterra. 

Espazos das Familias é unha iniciativa dirixida a nais e pais con nenas e nenos de 0 a 3 anos, unha etapa da infancia na que a rapazada empeza a descubrir o mundo arredor e na que se comeza a formar a que será  a súa personalidade futura.

As sesións están pensadas como un xogo colectivo e perseguen que os pais e nais adquiran coñecementos sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o núcleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre unha crianza dos nenos e nenas responsable, igualitaria e suxeita a normas de convivencia.

Ademais, o programa tamén está enfocado a que as familias interactúen entre elas, que compartan experiencias, opinións, etc. Os encontros non substitúen a función dunha escola infantil, aínda que si axudan á aprendizaxe por parte das nenas e nenos e á súa socialización por medio de actividades en conxunto,  algo que lles será de grande utilidade cando lles chegue o tempo de ir ao colexio ou á EIM.

Os Espazos -que seguen a estela do desaparecido Preescolar na casa- desenvolveranse na Casa da Cultura cada quince días entre outubro deste ano e maio do que vén. Para anotarse hai que contactar coa Educadora Familiar no correo pilar.calvo@sansadurnino.gal ou no 981 490 027 ext.1. O prazo remata o 30 de setembro e os horarios e datas concretas consensuaranse co grupo participante.

Memoria Activa para maiores
No caso de Memoria Activa, orientada a persoas maiores de 55 anos, este ano o Concello contará co apoio técnico de AFAL Ferrolterra. A entidade proporá exercicios moi sinxelos para manter esperta a mente, previndo desta maneira as perdas de memoria e anticipando a detección de calquera proceso de deterioramento cognitivo.

Esta proposta comezará en outubro nos locais sociais onde se formen grupos con datas e horarios aínda por determinar. O prazo de inscrición tamén remata o 30 de setembro e, igual que para os Espazos das Familias, cómpre apuntarse en pilar.calvo@sansadurnino.gal ou no teléfono 981 490 027 ext.1.

Cómpre recordar, por último, que no mes de outubro tamén botarán a andar as sesións de ximnasia de mantemento coordinadas polo técnico deportivo municipal David Guiñazú.

Share.