Desde este martes 15 de setembro está aberto o prazo de preinscrición nas escolas culturais municipais, co obxectivo de saber cantos grupos se van formar en cada disciplina de cara ao curso 2026/2027. A intención do Concello é volver ofertar ximnasia de mantemento para persoas maiores, gaita/percusión, pandeireta e baile tradicional, ademais da actividade de música moderna (que, en principio, ten o cupo cuberto coas persoas do ano pasado) e de música e movemento, dirixida neste último caso a rapazada de 3 a 6 anos. Para preinscribirse nas escolas abonda con chamar ao Concello -981 490 027- ou pasar polo rexistro municipal e unha vez nos confirmen que a actividade vai adiante deberemos formalizar a matrícula a partir do 1 de outubro, non antes. Ademais destas propostas culturais tamén está aberta a inscrición en fútbol e vólei, para o que se deberá contactar respectivamente coa Escola de Fútbol Irmandiños no 667 553 229 e co Aldebarán no 636 728 186.
No caso da ximnasia de mantemento para persoas maiores prevese que volva haber dúas quendas, unha de 16 a 17:00h e outra de 17:15 a 18:15h, calcando exactamente o programa do ano pasado: os luns primeiro en Naraío e despois en Lamas, os martes en Igrexafeita e San Sadurniño, os mércores en Naraío e Santa Mariña, os xoves en Igrexafeita e San Sadurniño e os venres en Santa Mariña e Lamas.
En relación coas propostas para as persoas maiores -e non tan maiores-, este ano tamén volven as “Xuntanzas na eira”, que engloban xogos e actividades de memoria activa, ademais de ser espazos de socialización contra a soidade non desexada. As áreas de Benestar e Igualdade abrirán nos próximos días un prazo de inscrición específico.
As outras escolas culturais varían con respecto ao curso pasado: gaita seguirá os martes en Naraío -ás 19:30h iniciación e ás 20:30h perfeccionamento-, mentres que pandeireta pasa para os xoves na Casa da Cultura -18:00 iniciación e 19:00h perfeccionamento-, xusto antes do baile tradicional que continuará tamén os xoves de 20:00 a 21:00h na Casa da Cultura.
Para que todas estas actividades vaian adiante fai falla xuntar grupos mínimos de 8 persoas. Por esa razón é tan importante a preinscrición, para a que abondará con chamar ao 981 490 027 ou pasar polo Concello. Unha vez que se confirme grupo será necesario formalizar a matrícula na Casa da Cultura ou a través da Sede Electrónica. Cada disciplina irá empezando ao longo da semana do 5 de outubro.
Música moderna e música e movemento
Este ano tamén repite o exitoso curso de Música Moderna impartido por Xoán Leis e o seu equipo. O cupo desta escola xa está cuberto na súa totalidade coas persoas participantes o ano pasado que mostraron o seu interese en continuar, que deberán formalizar igualmente a matrícula para garantir que se lles conserva a praza. Quen teña pensado empezar este curso pode anotarse para entrar nunha lista de agarda por se houbese baixas. O prezo mensual é de 50€ para persoas maiores de seis anos. Pola segunda persoa inscrita da mesma unidade familiar que sexa menor de idade haberá que aboar 40€. A partir da terceira persoa menor a cota será de 30€.
Leis tamén vai ofrecer a actividade de Música e movemento para espertarlles o sentido musical e o ritmo ás nenas e nenos de 3 a 6 anos. As clases ofreceranse os mércores de 16:00 a 17:00h na Casa da Xuventude e terán un prezo de 25€ mensuais. Para reservar praza nesta disciplina ou anotarse na lista de agarda dos distintos instrumentos de música moderna hai que chamar ao 685 050 921.
A matrícula nas escolas, a partir do 1 de outubro
Durante o que resta do mes de setembro estará aberto o prazo de preinscrición para saber se se xuntan os grupos mínimos en cada actividade, agás Música Moderna, onde en principio xa non hai prazas. O Concello avisará ás persoas anotadas conforme vai adiante a escola na que se apuntasen e, a partir do 1 de outubro, haberá que formalizar a matrícula a través da Sede Electrónica -haberá un procedemento habilitado- ou ben presencialmente na Casa da Cultura. Nese momento haberá que satisfacer a taxa da matrícula e o primeiro trimestre.
A matrícula para maiores de 18 e menores de 65 anos é de 19,59€ e a cota trimestral ascende a 38,90€. Para menores de 18 anos e maiores de 65 a taxa da matrícula sitúase en 18,73€ e a cota trimestral en 25,94€.
Outras actividades
Por outro lado, desde Cultura lembran que os luns e mércores de 19:00 a 21:00h, a monitora Cora Pita seguirá mantendo os dous grupos de Pilates -inscricións no 665 957 056- e que tamén está aberto o prazo para que as entidades soliciten instalacións deportivas e culturais para o próximo curso.
Por último, lembramos de novo que para apuntar a cativería nas escolas deportivas de voleibol e fútbol hai que contactar directamente co Aldebarán no 636 728 186 ou 696 085 847 e coa EF Irmandiños no 667 553 229.