A Xunta rexeita baixar o límite de velocidade a 50 Km/h en Cornide

0

A Axencia Galega de Infraestruturas, o organismo encargado de xestionar a rede viaria pública autonómica, acaba de comunicarlle ao Concello que “non se considera axeitado” baixar de 70 a 50 km/h o límite de velocidade da estrada de Ortigueira ao seu paso por Cornide. A resposta chega despois de que a comezos de abril o alcalde cursase un rogo presentado en pleno polo PP no que se instaba ao consistorio a que fixese as xestións necesarias perante a Xunta para reducir a velocidade permitida na zona.

O Concello solicitaba no seu escrito o cambio da sinalización vertical actual, que establece unha limitación de 70 km/h, por unha de 50 km/h a partir da gasolineira de Cornide, no punto quilométrico 15,500 da AC-862. A alcaldía xustificaba a petición co argumento expresado -e reiterado en varios plenos- polo Partido Popular considerando que “existe perigo para os usuarios peonís da vía derivado da alta velocidade permitida”.

A resposta á solicitude municipal chegou hai escasos días. Nela a AXI expón que na marxe dereita da vía “existe unha zona pavimentada destinada á circulación de peóns” e que, ademais, “a baixa accidentalidade no treito” tampouco xustificaría a redución da velocidade. A Axencia Galega de Infraestruturas conclúe, por último, que a intensidade media diaria do tráfico “supera os 5000 vehículos” e que, polo tanto, “non se considera axeitado modificar a limitación de velocidade actual”.

Sen noticias sobre o paso da ponte do Xubia
Á marxe desta petición relativa aos límites de velocidade en Cornide, xa contestada,  a Xunta ten aínda pendente de respostar a solicitude cursada en 2020 para que se lle dea un ancho maior ao paso peonil da ponte sobre o río Xubia, ademais de asumir o mantemento da pasarela de madeira.

A reclamación do Concello céntrase en que a axencia de infraestruturas busque unha solución para este tramo de 20 metros, que supón un embude e un problema grave de accesibilidade nun percorrido de case un quilómetro de distancia.

 

Share.