A Xunta publica as axudas para microempresas e hostalaría

0

Hoxe saen publicados no Diario Oficial de Galicia os programas de axuda para microempresas e hostalaría. Dúas liñas que serán compatibles entre si e coas concedidas por outras administracións. Tamén serán compatibles coas dirixidas a persoas autónomas con e sen persoal ao seu cargo que se publicaron hai uns días. Cómpre ter en conta que esta convocatoria distribuirá os fondos dispoñibles en concorrencia non competitiva, é dicir, que se lles repartirán por orde de chegada a aquelas solicitudes que cumpran os requisitos e que presenten correctamente toda a documentación a través da Sede Electrónica da Xunta. Polo tanto, é importante solicitalas antes de que se acabe o crédito dispoñible.

As microempresas, persoas autónomas con persoal contratado por conta allea ao seu cargo e tamén as PEMES de sectores especialmente paralizados poderán percibir 4.000 € pagadeiros en dúas veces -2.000 en 2020 e 2.000 en 2021-, ou ben 5.000€  divididos en 2.500 este ano e 2.500 o que vén, sempre que, neste último caso, se encontren entre as actividades especialmente paralizadas que se sinalan no DOG.

Hai tres requisitos obrigatorios: ter domicilio fiscal en Galicia, que as empresas e autónomos con persoal a cargo teñan ou tivesen autorizado un ERTE por causa da crise sanitaria desde marzo e, ademais, que visen reducida a súa facturación polo menos o 45% durante este ano (comparando os tres primeiros trimestres de 2020 con toda a facturación de 2019). Será obrigatorio tamén o mantemento da actividade durante os próximos 6 meses.

Este primeiro programa considera actividades especialmente paralizadas (5.000€ de axuda) o lecer nocturno -discotecas, pubs, salas de festas, salas de concertos e outros asimilables-, e tamén outros negocios que se viron afectados -segundo os códigos CNAE publicados no DOG-, como por exemplo taxis, axencias de viaxes, empresas de cátering, operadoras turísticas, organizadoras e eventos e feiras, artes escénicas e actividades auxiliares, xestión de salas de espectáculos, cines…

O segundo programa diríxese á hostalaría -bares, restaurantes, hoteis, aloxamentos…- cuxa actividade se vise obrigada a pechar por algún dos decretos da Xunta ou por pertencer a municipios afectados por peches perimetrais.

Percibirán 1.500€ por mes de paralización da actividade (sen consumo no interior ou nas terrazas) contando desde outubro. Fará falla que esa circunstancia se dea durante un mínimo de dúas semanas e, no caso de ser só por ese tempo mínimo, o importe da axuda reduciríase proporcionalmente (750€). Se teñen 10 ou máis persoas traballando no local, a contía sobe até os 2.000 €. As axudas son por establecemento, de maneira que unha empresaria ou empresario con máis dun local poderá solicitar a subvención para cada un deles.

O prazo de solicitude é de 1 mes. Hai máis información no 900 815 600 ou na web www.oficinadoautonomo.gal. Tamén se pode contactar co técnico municipal de Desenvolvemento local para solicitar asesoramento ou axuda na tramitación: 981 490 027. A normativa completa da convocatoria pode consultarse no DOG deste venres 27 de novembro.

Desde Desenvolvemento local insístese en que ao tratarse dunha convocatoria en concorrencia non competitiva é importante solicitar as axudas o antes posible, en previsión de que o crédito dispoñible non chegue para cubrir todas as peticións.

Share.