A XIII Limpeza simultánea de ríos confirma o bo estado de saúde do Castro

0

Este domingo desenvolveuse en distintos puntos de Galicia a XIII Xornada de Limpeza simultánea de ríos promovida por Adega en colaboración coa Xunta, Augas de Galicia e ducias de concellos e entidades. O obxectivo do día foi concienciar sobre a importancia dos cauces fluviais nos ecosistemas por medio dunha acción de limpeza que mostrase ata que punto somos responsables da súa degradación. En San Sadurniño a cita fíxose coincidir cunha ruta de sendeirismo pola ribeira do Castro na que se confirmou que este itinerario -posiblemente un dos máis transitados de San Sadurniño, xunto co paseo fluvial- se encontra ben de saúde, posto que durante a xornada só se recolleu un pequeno pneumático e apenas se encheron seis bolsas de lixo.

Ben é certo que durante o percorrido non se puideron cubrir ao completo os algo máis de catro quilómetros de río que hai desde a ponte de Pereiras até o encoro do castelo debido a que nunhas zonas o sendeiro do Castro afástase do cauce e noutras a súa ribeira está impracticable por causa da maleza.

Con todo, o trazado da ruta deste domingo pola mañá si completou aquelas zonas de río máis espectaculares e tamén máis transitadas nos últimos meses. A raíz do cambio de preferencias turísticas que propiciou a pandemia, Naraío converteuse en destino preferido para centos de sendeiristas que elixen as máis das veces o tramo desde a Ferraría ata o castelo por tratarse dun percorrido doado para facer en familia e co aliciente engadido de ter ao final a fervenza de Riolimpo e maila fortaleza.

Era neste traxecto onde se agardaba que puidese haber unha maior cantidade de lixo, principalmente nas beiras do sendeiro. No camiño de ida, a expedición organizada desde o adro da igrexa foi atenta a todo o lixo que puidese atopar dentro e fóra da auga, ao tempo que asistiu a varias explicacións sobre a riqueza natural e patrimonial que se pode ver a un e outro lado do Castro: especies de ribeira (ameneiros, loureiros, etc.), a ponte e mailo porco da Ferraría, os muíños de Mercé e do Batán, os regos de parceiros, a presa de Blas, os muíños de Riolimpo, os “bolos” primixenios preto da fervenza -un dos elementos destacados do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal- e, finalmente, o castelo, onde o grupo fixo unha parada para subir ao torreón, saber algo máis da súa historia e das intervencións que se fixeron nel e repoñer forzas antes de emprender o camiño de volta.

Durante o percorrido de regreso ao punto de saída, a expedición -formada por unha vintena de persoas- foi apañando plásticos -maiormente envoltorios e botellas de auga-, algunha que outra mascarilla… e pouco máis, agás unha roda máis ben pequena que debeu pertencer a un “Seiscentos” ou outro pequeno utilitario e que debía levar anos tirada nunha gabia do camiño dos Lamigueiros.

Ao cabo da ruta fíxose reconto na explanada da cooperativa de Meirás e o balance non puido ser mellor (ou peor, xa que o lixo na natureza nunca é motivo de satisfacción): seis bolsas pequenas mediadas de refugallos, un pneumático e un anaco dun tubo de pvc.

IMG_20200927_093837

Foto de familia do grupo que participou na XIII Limpeza simultánea de ríos

Share.