A UDC Narahío prepara unha grande festa para celebrar os seus 50 anos

0

A Unión Deportiva e Cultural Narahío vai celebrar o sábado 3 de xuño o  medio século de vida como equipo de fútbol federado. Será cun grande xantar de confraternidade entre  xogadores -de antes e de agora-, persoas que veñen colaborando coa entidade desde a súa fundación, veciñanza da parroquia e toda aquela xente que queira sumarse ao aniversario da escuadra amarela, que se encontra arestora nun dos mellores momentos deportivos da súa historia. Para asistir ao evento hai que reservar no 981 490 302, no 670 854 329 ou no 699 228 227. O prezo do prato son 30€ no caso de persoas adultas, 15€ a rapazada de 6 a 14 anos e de balde para nenas e nenos menores de 6 anos. O último día para anotarse é o 29 de maio.

O aniversario arrancará ás 13:30h coa recepción de asistentes e cunha pequena sesión vermú que se prolongará até as 15:00h, intre no que se empezará a servir un xantar composto por paella, tenreira asada, bebida, sobremesa e café.

A organización anuncia que ao longo da tarde haberá soteos de agasallos “e outras sorpresas”, ademais da animación musical do Dúo Kaykuba e dunha discoteca móbil para quen queira estirar a cousa ata ben entrada a noite.

O evento desenvolverase o sábado 3 de xuño baixo unha carpa que se instalará na pista polideportiva da Veiga, ao pé dun campo de fútbol que leva máis de cincuenta anos sendo testemuño de grandes tardes deportivas e de múltiples vicisitudes e esforzos para soster o equipo.

O Narahío como tal empezou a xogar a finais dos anos sesenta do século pasado como formación modesta que acabaría entrando en 1973 na disputa das competicións zonais xa como equipo federado. Os primeiros anos foron tempos de lama no campo da Veiga, conseguido pouco antes por suscrición popular e cesións de pezas de terra ata xuntar os terreos necesarios, aínda que non sería ata 1974 cando o club se converteu en propietario.

Logo virían a construción duns rudimentarios vestiarios, a cantina, a instalación da iluminación, o peche do recinto, a construción da pista polideportiva e duns novos vestiarios e, finalmente, a demolición do vello ambigú para erguer, xa ben entrado este século, o novo local compartido coa AVV O Castelo.

Nos seus 50 anos de historia como equipo federado o Narahío sempre estivo aí, unhas veces na parte baixa da táboa, outras na metade e en non poucas ocasións tamén na parte alta das categorías en que participou -chegou a xogar a final dunha Copa da Ría a mediados dos 90-, tal e como certifica a morea de trofeos gardados nas súas vitrinas.

Unha desas ocasións é o momento actual en que o equipo dirixido por Felipe Mieres se encontra disputando co Perlío, o Meirás e o Galicia de Mugardos B a fase de ascenso á Primeira Autonómica. A falta de dous partidos para que finalice a promoción, a UDC é firme candidata a facerse coa segunda praza para formar parte da liga superior na temporada 2023-24.  A formación amarela e azul vai empatada a 13 puntos co Meirás e o Galicia de Mugardos. Será decisivo o que faga o próximo domingo no seu enfrontamento a domicilio contra o Meirás CF… e tamén o que ocorra cos mugardeses no partido que xogarán na casa do Perlío. Todo apunta a que nesta penúltima xornada o ascenso quedará decidido.

Historia da UDC Narahío

 

Share.