A troula marcha a Naraío este sábado co XXIX Festival do Río Castro

0

O primeiro sábado do mes de xullo está marcado no calendario desde hai varios anos como a data en que, si ou si, hai que ir bota-lo día e parte da noite á beira do río Castro para gozar das actividades e dos concertos do festival organizado pola A.VV. O Castelo de Narahío. O programa deste 2024 mantén a orde de todos os anteriores, propoñéndonos unha sesión vermú ao mediodía, xogos e un espectáculo para a rapazada pola tarde, deportes rurais á tardiña e música pola noite. Na presente edición, que fai a 29ª, veñen Vai Rañala Meu!, Teatro Ghazafelhos, Tres Pesos, Encrucillada, Os Viqueiras e, pechando a noite, A Requinta da Laxeira. O XXIX Festival do Río Castro conta con financiamento da Deputación da Coruña e tamén coa colaboración do Concello de San Sadurniño.

“Nunca viñeches ao Río Castro?. Pois tes que vir para seres parte dun festival que reivindica a cultura e o respecto polo ambiente cunha xornada de festa que, en certa maneira, tenta recuperar o espírito das romarías campestres de antano, hoxe alagadas na lucería, os escenarios móbiles e os ritmos monocordes de alén do Atlántico”. 

Esta é a descrición que aparece na páxina web do “mellor festival do mundo mundial”, onde xa hai varias semanas que pode consultarse o cartel deseñado por Juanlu Nacha con todo o que vai haber este sábado 6 de xullo no lugar da Bóla, ao pé da ponte medieval da Ferraría.

As merendas empezarán a encher o espazo do festival cara ao mediodía e, a iso das 14:00h o grupo da asociación Vai Rañala Meu!, ofrecerá unha pequena sesión vermú que se acompañará cun obradoiro de baile dirixido por Óscar López “Coki”.
A primeira hora  da tarde a empresa SEDEGA encherá o campo da festa de enredos para a rapazada. O xogo da rá, tirafondas, o aro, zancos… e varios entretementos máis dos de toda a vida estarán dispoñibles para xente miúda e adulta coa finalidade de crear un punto de encontro interxeracional para a transmisión de coñecementos e saberes entre maiores e cativería.
Tralos xogos, que estarán ciscados por todo o entorno, chegaralle a vez a Montse Piñón, Jorge Casas e Pepablo Patiño, Teatro Ghazafelhos coa montaxe A illa sen tesouro, ou o que é o mesmo: unha fabulosa aventura de piratas con música, bailes, espadas e toda a acción e participación que se espera do inconfundible trío.
No serán -sobre as 18:00 ou 18 :30h- desenvolverase un dos momentos máis intensos da xornada cos campionatos de serrado con tronzador e tiro á corda, que desde hai varios festivais se disputan sempre en equipos con paridade de xénero. Os xogos adoitan estirarse ata practicamente o comezo dos concertos nocturnos, previsto para as 22:00h.
O Castelo de Narahío convidou para a noite, por esta orde a Tres Pesos, Encrucillada -en xira de presentación de “De volta”, o seu terceiro disco-, aos ordenses Os Viqueiras e, pechando, a sempre solvente e festeira Requinta da Laxeira. Un auténtico “festivalazo” que arestora ten un ollo posto nas previsións do tempo, que anuncian algunha chuvisca… aínda que case nos atrevemos a dicir que seguramente non veña ningunha (ou iso desexamos).

Apoio da Deputación e do Concello
O XXIX Festival do Río Castro conta cun orzamento próximo aos 16.000€, sufragados con fondos da AVV O Castelo de Narahío e con achegas económicas da Deputación da Coruña e do Concello de San Sadurniño. Tamén colaboran a agrupación de Protección Civil de Narón -na coordinación do tráfico e das zonas de aparcadoiro- e unha chea de veciñas e veciños que ceden terreos e que botan unha man na loxística organizativa.

No mapa que se pode consultar na web do festival aparecen reflectidas cinco grandes áreas de estacionamento a escasos metros da Bóla. O acceso ao campo do festival pecharase ás 13:00h aproximadamente e, por razóns de seguridade, non se poderá aparacar en ningunha das pistas das inmediacións da Ferraría, Saldoiro e A Pena.

Share.