Este xoves, último do mes de setembro, toca pleno ordinario en San Sadurniño. Unha sesión fixada para as 19.30h. que recolle na parte resolutiva tres asuntos: a votación das actas das dúas sesións anteriores, a votación tamén da Relación de Postos de Traballo do Concello e, en terceiro lugar, unha moción proposta polo Comité de Empresa de Siemens-Gamesa nas Somozas para que se asegure o futuro da factoría eólica, que neste momento ten carga de traballo até o mes de decembro. Representantes dos traballadores e traballadoras reuníronse este mediodía cos tres grupos municipais para detallarlles a situación e recabar o seu apoio para o texto que se votará mañá no pleno.
Tal e como explicaba antes da xuntanza o presidente do comité, Sergio López Pedreira, a “principal preocupación” do persoal é a falla de carga de traballo a curto e medio prazo. “Asegúrannos carga de traballo ata o 20 de decembro e vemos que non hai interese por parte da empresa en darnos información máis aló desa data”.
A parte laboral teme que a empresa estea reducindo a actividade nas Somozas co obxectivo de levar toda a produción cara á planta adquirida hai pouco na localidade portuguesa de Vagos, onde se fabrican pás de maior envergadura e con máis saída no mercado. “Alí estanse facendo grandes investimentos e están indo todos os modelos novos de gran tamaño, que é o que demanda o sector, mentres que nós levamos fabricando pás máis pequenas que están en declive comercial”. A este respecto, asegura López, na factoría das Somozas “non nos aseguran investimento ningún”.
En xogo están os postos de traballo de máis de 300 persoas “de todas as comarcas”. O comité demanda o apoio dos municipios, da Xunta e do Goberno do Estado para que se aprobe unha moción que, en último caso, reivindica “o mantemento e a aposta” de Siemens-Gamesa pola planta das Somozas.
Entrementres non descartan outras medidas de presión, pendentes do resultado do encontro que van manter o próximo 6 de outubro con directivos da firma e tamén representantes da Xunta de Galicia. “Veremos que propostas fai a empresa e cales fai a Xunta e, despois desa xuntanza, tomaremos as decisións que haxa que tomar”, recalca o presidente do Comité de Empresa.
A moción que se está achegando aos plenos municipais tratarase mañá nas sesións de Ferrol e San Sadurniño.
Relación de Postos de Traballo
O outro asunto incorporado á orde do día é a aprobación, se procede, da Relación de Postos de Traballo do Concello de San Sadurniño. O documento xa foi ratificado polo cadro de persoal con 19 votos a favor, 10 en contra e 3 abstencións. Nel defínese a estrutura do funcionamento da Administración local e tamén os criterios retributivos para cada posto de traballo.
A RPT afina aínda máis o catálogo de funcións e responsabilidades con respecto ao anterior documento elaborado en 2009 e, como principal novidade, introduce un sistema de valoración salarial unificado e común a persoal funcionario e laboral, coa finalidade de corrixir desigualdades retributivas entre ambos colectivos.
A Relación de Postos de Traballo deberá superar a votación plenaria para a súa aprobación inicial e, tralo período de exposición pública, deberá volver pasar polo máximo órgano municipal para a ratificación definitiva. Entrará en vigor no momento en que se publique no BOP, previsiblemente ao longo do mes de novembro.
A sesión deste xoves é ordinaria, razón pola que tamén contará con apartado de rogos e preguntas.