A sexta vaga da pandemia segue azoutándonos

0

A web sobre o coronavirus posta en marcha polo SERGAS a principios da pandemia ofrece datos alarmantes sobre como nos está afectando esta sexta onda. Na  Área Sanitaria de Ferrol contabilízanse 29 persoas hospitalizadas a día de hoxe e 4 ingresadas en UCI. Por sorte non son tantas como en anteriores vagas da COVID-19, gracias ás sucesivas campañas de vacinación e ao feito de que, segundo parece, a variante ómicron é moito máis contaxiosa pero con efectos menos graves que as mutacións anteriores do virus. Con todo, no ámbito de Ferrolterra, Eume e Ortegal hai neste momento 3.944 casos activos e desde marzo de 2020 contabilizáronse 244 persoas falecidas. A información publicada sobre San Sadurniño indica que a incidencia se disparou nas últimas semanas, situándose en 49 casos diagnosticados a 7 días e en 83 no cómputo dos últimos 14 días. Á estatística local aínda non se incorporaron a totalidade dos positivos confirmados desde a fin de semana entre o alumnado e o profesorado da EIM A Rolada. Polo momento son nove  -dúas mestras e sete crianzas- que permanecen nos seus domicilios. O Concello e a dirección do centro mantiveron contacto permanente coas familias desde que se informou do primeiro caso, ademais de poñer en marcha o protocolo de actuación definido pola Xunta de Galicia para estas situacións.  

Neste sentido, onte luns a primeira hora -e tras recibir aviso de dous positivos detectados na fin de semana- desde a escola contactouse con todas as familias usuarias e, ao longo do día, foron confirmándose novos casos que simultaneamente se lle foron trasladando á Central de Seguemento de Contactos do SERGAS, ademais de informar á Dirección Xeral de Familia.

O protocolo indica que unha vez que os casos confirmados superan o 20% do grupo de convivencia formado pola rapazada e as mestras, o centro debe comunicarllo de inmediato á CSC. Despois será o propio centro de seguimento quen contacte coas familias e quen informe á Xefatura Territorial do SERGAS para que esta avalíe a posible cadea de transmisión e lle dea “as instrucións pertinentes” á escola sobre como proceder.

Segundo informan desde a área de Igualdade e desde a propia dirección da Escola Infantil Municipal, a media tarde de hoxe martes a Xefatura Territorial aínda non remitira ningunha comunicación ao respecto.

Pola súa banda, o departamento municipal e o equipo da EIM seguen en contacto coas familias usuarias para mantelas ao tanto das novidades que se poidan producir nas próximas horas, lembrándolles ademais que se notan algún síntoma ou dan positivo nalgunha proba autodiagnóstica deben chamar ao 881 540 045, o teléfono habilitado pola Xunta para informar de casos activos e/ou contactos estreitos.

Hai que seguir coidándose!
A sexta onda da pandemia de momento non dá signos de esgotamento e por iso é tan importante aplicar as normas preventivas nas que tanto se insiste.

Uso da máscara obrigatorio a partir dos 6 anos, tamén na vía pública e en espazos ao aire libre. No caso da hostalaría só pode retirarse no momento xusto da consumición. Do cubrebocas libran as persoas que viaxen nun turismo se son todas conviventes (no transporte público hai que levalo posto), aquelas que estean exentas por razóns de saúde ou condutuais e tamén as que practiquen deporte de maneira individual ao aire libre ou na vía pública, sempre e cando se garanta a distancia de 1,5 metros con outras persoas ou deportistas non conviventes. En campos, terreos forestais ou agrícolas e praias tampouco haberá que levala se podemos manter a separación con outras persoas que non vivan con nós.

Non poderán formarse grupos de persoas non conviventes entre as 3:00 e as 6:00h dos venres, sábados, domingos e festivos. As xuntanzas en espazos de uso privado estarán limitadas aos grupos constituídos exclusivamente por persoas conviventes. A norma recolle como excepcións as persoas que vivan soas -que poderán integrarse nunha unidade de convivencia ampliada-, as reunións de menores cos seus proxenitores se estes non viven xuntos, as que teñan vínculo matrimonial ou de parella malia residiren en domicilios distintos e, por último, a reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento de menores, maiores ou dependentes con discapacidade ou especialmente vulnerables.

Mantense ao 100% a capacidade de comercios, parques comerciais, mercados, feiras, centros sociais,  lugares de culto, celebracións relixiosas ou civís (non poden servirse cócteles ou aperitivos de pé), congresos e reunións profesionais, espazos expositivos, museos, cines, teatros e auditorios. Nestes últimos o público debe permanecer sentado. Ademais, dependendo do público asistente a actos institucionais, congresos, feiras, concertos, etc., será obrigatorio presentar o Certificado COVID -vacinación completa, pcr negativa ou ter superado a enfermidade- nos seguintes casos: recintos pechados con asistencia de público superior a 200 persoas, recintos acoutados ao aire libre con máis de 500 persoas. Se no recinto -ao aire libre ou pechado- hai autorización para a venda de alimentos ou bebidas tamén será obrigatorio o certificado, independentemente do número de persoas asistentes.

O certificado tamén será obrigatorio para visitar ou acompañar pacientes hospitalizados e para acceder ás residencias de persoas maiores e de persoas con discapacidade.

As competicións deportivas, con público sentado e límite do 75% da súa capacidade se se desenvolven en instalacións ao aire libre e do 50% se son nun pavillón ou outro recinto pechado. Esixirase o Certificado COVID co mesmo criterio que no punto anterior: máis de 200 asistentes en espazos pechados, máis de 500 en espazos abertos e en todos os casos se hai venda de alimentos e bebidas.

A actividade deportiva non federada ao aire libre ou en instalacións cubertas hai que facela de maneira individual ou en grupo con máscara. O aforo tamén se mantén ao 100%. En instalacións deportivas pechadas (pavillóns, ximnasios) e piscinas cubertas é obrigatorio presentar Certificado COVID.

Na hostalaría por agora non hai límite de aforo, pero continúa prohibido utilizar a barra. Nas mesas ou agrupación de mesas no interior só poderán sentar 8 persoas, mentres que nas terrazas os grupos serán como máximo de 10 persoas, igual que no ocio nocturno. Para entrar en bares, restaurantes, cafetarías, furanchos, salóns de banquetes… hai que presentar Certificado COVID. Non será necesario se quedamos nunha terraza ao aire libre. Bares e restaurantes deberán pechar ao público ás 00:00h, con horario ampliado até a 01:00h nas noites do venres ao sábado, do sábado ao domingo e en vésperas de festivos. O ocio nocturno debe pechar ás 03:00h como moi tarde. Cómpre ter en conta, porén, que en determinadas zonas con alta incidencia, a Dirección Xeral de Saúde Pública poderá determinar aforos máis reducidos para a hostalaría -30% en interior e 50% en terrazas- e peche ao público ás 23:00h.

Share.